Comeza a marea Festiletras
Ponteceso
Artesanía, música, lingua, letras, teatro e moito mar: botan a andar tres días intensos na aldea do Couto, Ponteceso
30 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Redondeando a vontade de xunguir os mares de nove municipios da Costa da Morte emprendida este ano pola Fundación Eduardo Pondal, o mar será este ano o fío condutor das Festiletras do Couto (Ponteceso). Bota a andar hoxe, ata o domingo, a 42.ª edición, e faino cun programa para, tamén, «amar a mares», coñecida melodía de quen pechará esta velada inaugural, Guadi Galego. Amar a mares a lingua, as letras, a artesanía, a ciencia, a gastronomía, o teatro, a ilustración ou o muralismo.
Hai xa días que unha gran pancarta preside a entrada á terra de Pondal, penden bandeirolas á beira do Anllóns e na aldea, con voluntariado e implicación veciñal, sacóuselle lustre a cañeiras, camiños, eiras e cabanotes para acoller un festival que ten por máxima difundir o mellor da cultura galega, ser punto de encontro. Os galos cantan e as ovellas bean, mais nas Festiletras non molestan. Voaron bonos e entradas, se ben haberá un número reducido delas, dende as 16.00 horas de hoxe, en billeteira.
Coa 42.ª edición chega tamén a 42ª Feira de Artesanía, así como, por segundo ano, o Mercado da Deputación da Coruña. Entre as 11.30 e as 20.30, os tres días, máis de 50 artesáns exhibirán e venderán os seus produtos en postos repartidos por distintos puntos do Couto. De forma centralizada, ao igual que as actividades, poderase coñecer ourivaría, cerámica, olería, encaixe, cestería, coiro, forxa, téxtil, arranxos florais, artes gráficas, cerería ou bixutería, entre moitos outros oficios tradicionais que son tamén formas de expresar identidade.
Do seu lado, a Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, aportará tres obradoiros para o público infantil, impartidos polas artesás Elena Ferro, Leonor Díaz e Rosa Rodríguez: zocos, pintura sobre madeira e redes, respectivamente: de 11.00 a 13.00. Peso do mar e da muller, evidente, no acto Literatas desta tarde: reivindicación, visibilidade e progreso feito en feminino. Terán voz mariscadoras, redeiras, percebeiras, regateiras, anguleiras ou conserveiras, unha voz amparada na mostra A Casa de Galicia: 50 anos da Casa de Rosalía, logro colectivo como as Festiletras, e na memoria de Eduarda Pondal.
Tres días para mostrar a riqueza da «despensa do mar» da comarca
A música, as letras, a divulgación e a artesanía teñen evidente peso nas Festiletras do Couto. Mais nesta 42.ª edición que hoxe comeza tamén será capital o mundo gastronómico e, particularmente, a despensa do mar, un percorrido polas saborosas bondades de varios municipios da zona. Serán, en todo caso, exhibicións culinarias abertas a todos os públicos.
- Hoxe. Pola mañá, de 11.00 a 13.00, Marisol Martínez e Iria Ferrín, do restaurante Mar de Ardora (Cabana) compartirán os seus coñecementos culinarios. Pola tarde, de 17.00 a 19.00 horas, será a quenda do veterano cociñeiro baiés Bautista Mato: máis destreza.
- Mañá. Marisol Martínez e Iria Ferrín volverán de 11.00 a 13.00. Ás 17.00, intervirá, Sandra Varela (A Casa de Lelo, Ponteceso).
- Domingo. A última xornada comezará de novo con Marisol e Iria, de 11.00 a 13.00. Pola tarde, ás 17.00, será a quenda de Fabián Mouzo (Vimianzo), Víctor Basante (Arrueiro, Laxe) e Daniel Rego e Florencia Care (Taberna do Bico, Camariñas), pechando o evento cunha colaboración especial de Choiva Viños (Ponteceso).
Zona Gastro e «leiring»
Máis alá das exhibicións culinarias, os asistentes ás Festiletras terán Zona Gastro dende as 10.00, cada día, cunha aposta por produto local. Haberá, asemade, opción de «leiring»: leira onde prantar tenda, con servizo de viandas e aseo.
Medidas con axuda veciñal para un bo ambiente
Procura a organización das Festiletras, con varias medidas, un ambiente seguro e organizado, ademais de agradable para todos. Vía colaboración e xenerosidade dos veciños, haberá amplo espazo de aparcamento, distribuído en tres zonas, posible tamén grazas á colaboración do Concello, que xestionou o corte das fincas para que puidesen ser usadas con este fin. Haberá control para unha correcta organización e tamén servizo de seguridade, con oito persoas encargadas da vixiancia dos espazos dedicados a artesanía, pero tamén das entradas aos recintos de concertos e gardas de seguridade nas zonas máis sensibles da aldea.
O PROGRAMA PARA HOXE
POLA MAÑÁ. Ás 11.00, apertura do Mercado Deputación e da 42.ª Feira de Artesanía. Apertura, tamén, do Espazo Miudiño, xogos para os nenos. Na sede da Fundación Pondal, catro citas co mar: Fálame do mar (Xaqui Lista, Rosa Aneiros, Xurxo Souto, Olaia Sendón e Sabela Fernández), Ciencias do mar (Ángel Carracedo, Jorge Mira e José Luís Rabuñal), Oficios do mar (Elena Ferro, redeiras Illa da Estrela e Mar de Fábula) e A despensa do mar (Marisol Martínez Mato e Iria Ferrín, Bautista Mato en horario de tarde).
POLA TARDE. Ás 16.00, Romaría do Mar coa Escola de Verán, a Escola de Música da Laracha e Pakolas. Ás 17.00, teatro de rúa dirixido por Lucho Penabade e Yago Espasandín, coa participación da Casa da Muller e o campo de voluntariado «Alí, xaz». Tamén ás 17.00, na sede da Fundación, Cova Céltica arredor de libros de Marcos Rodríguez, Rosalía Fernández, Guadi Galego, Yolanda Castaño e Luís Dávila. Ás 18.00, Literatas: as mulleres do mar, recoñecementos e ofrenda a Eduarda Pondal. Na Eira de Pailetes, ás 19.00, concerto de Chicharrón. Ás 20.00, na eira de Cambón, Alana. Ás 21.00, pasacabanotes con Inllar.
POLA NOITE. Na Eira de Pontedona, ás 22.00, concerto de Belém Tajes. Ás 23.00, recital de Yolanda Castaño. Ás 23.30, entrega de busto de honra a Luís Dávila. Logo, concerto de Guadi Galego.