Medra o mar das Festiletras
Ponteceso
Un repaso ás Festiletras 2024: ¡olla neste álbum a 42.ª edición!
A 42.ª edición da celebración pecha hoxe no Couto, Ponteceso: ¡mira como está indo neste álbum de fotos!
01 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Unha familia cultural, unha familia artística. Ter forxado ambas cousas en máis de catro decenios de traxectoria era, a estas alturas do 2023, un dos maiores motivos de orgullo para a organización das Festiletras do Couto, en Ponteceso. Este 2024 —42.ª edición— está a reafirmar esa idea de ser punto de encontro, non só para os consumidores de cultura, senón para os creadores dela. Así o amosan palabras como a do xenetista xalleiro Ángel Carracedo: «Recunco moito, e estou encantado de estar aquí unha vez máis, debe ser a número 20. Unha preciosidade de experiencia, algo que hai que facer todos os anos».
Polo Couto pasan «todos os aspectos do coñecemento humano, iniciativa única en Galicia, pioneiros no noso territorio», dixo o catedrático baiés Jorge Mira. Teñen as Festiletras deste ano «semente oceánica», en palabras de Xurxo Souto. Oco para os zocos contados aos nenos de Elena Ferro ou para os peixes abisais que desta volta levou Lucho Penabade. No Couto faise todo coas mans, cadra ben con ese Mercado de Artesanía da Deputación que visitou o seu vicepresidente, Xosé Regueira, falando de «exemplo para outros moitos recunchos do rural da provincia».
Aldeas Singulares, un ateigado acústico de Fillas de Cassandra, danza de arcos chegada dende Caión, reflexión ou nova visión en torno ao bardo Pondal e un bo ramo de concertos vespertinos, teatro, literatura, gastronomía e máis, seguiron onte dando vida a este festival de aldea, de novo pleno de público. Iso, logo dun primeiro día polo que a organización deu «mil grazas», de par de «mil erros». «Só o fabuloso Festiletras podería ofrecer semellante escenario á poesía galega actual!», festexou Yolanda Castaño, Premio Nacional. «Tiven a honra de compartir algúns poemas de Materia fronte a un público enorme e enriba dun escenariazo ao que as poetas non estamos tan afeitas. Pero así opera o Festiletras: dándolle á palabra en galego unha tribuna sensacional».
Versos na noite. Ocorreu o venres na que ela considera «capital da cultura do noso». «Cada vez é distinta e especial», escribiu Castaño logo de pasar polo Couto. Gozou co concerto que, pouco despois da súa intervención, ofrecería Guadi Galego, a mesma artista que ten dito xa que, disco novo, ten que ser bautizado nesta aldea. Síntese Horizonte, con artistas como Guillerme Fernández ou De Vacas de par dela, é un espectáculo no que reincidir. Guadi, Boa e Xenerosa, tivo ademais outro papel, o de entregarlle o Bo e Xeneroso de Honra ao ilustrador Luís Dávila.
Asinara pola tarde numerosos exemplares: «Persoa que mantén a lingua galega viva a través das súas ilustracións, coñecido e respectado por tódalas xeracións e informante activo da realidade social galega. Non esquece a tradición, olla cara o presente e dá conta do futuro que está por chegar», dera conta o festival no momento de anunciarse a concesión.
Non hai, en definitiva, un único xeito de vivir as Festiletras. Pero si un último día para facelo na edición deste ano: hoxe. Achegarse á aldea, botarlle un ollo ás ducias e ducias de postos artesáns, empaparse dun ambiente cómodo e familiar... Unha vez que este domingo pase —e vén moi intenso—, tocará agardar un ano máis.
Para hoxe
Apertura, ás 11.00 horas, do Mercado Deputación e da 42.ª Feira de Artesanía do Couto. Pasacabanotes pola aldea a cargo da Escola do Alprende (Oza, Carballo). O trío Maricarme traerá máis animación a esta mañá de domingo: 12.00 horas, dende a eira de Pailetes. A eira de Cambón, doutro lado, será tomada ás 13.00 horas por Pablo Díaz e Olga Kirk, así como por Magín Blanco: todos presentarán libro-discos dirixidos a público miúdo. Ortiga tomará o relevo musical ás 14.30 horas, dende a eira de Pontedona. «Farrapear», armar festa, dáselle moi ben aos Farrapos de Cesullas: eles abrirán cun pasacabanotes a última tarde de Festiletras: 16.00. Na Eira de Pailetes actuará ás 17.00 Satélite Salitre. Pelepau chegará ás 18.00 á eira de Pontedona, a onde se subirá tamén, ás 19.00, a formación De Ninghures. A 42.ª edición da celebración botará o peche, finalmente, de novo cos Farrapos.
E ademais...
Espazo A Despensa do Mar. A cita matutina, de 11.00 a 13.00, será con Marisol Martínez e Iria Ferrín, do restaurante Mar de Ardora. Nova demostración de talento na cociña con produtos saídos do mar, fío condutor das Festiletras deste ano. Pola tarde, de 17.00 a 20.00, quenda dos cociñeiros Fabián Mouzo (Vimianzo), Víctor Basante (Arrueiro, Laxe), Daniel Rego e Florencia Care (Taberna do Bico, Camariñas). Colabora nesta velada Choiva Viños.
Zona Gastro. Na eira de Hilario, dende as 10.00 horas, con aposta polo produto local.
Semente Festiletras. Unha mirada a 42 anos de historia. Exposición na sede da Fundación Eduardo Pondal.
Espazo Miudiño. Xogos para os máis pequenos, espazo creativo, contadas... Na Eira da Fundación Pondal, todo o día, dende as 11.00 horas.
Mural de Mon Devane. O artista ourensán é o autor do mural conmemorativo das Festiletras de ano. Poden visitalo na Congostra. Rosalía ten a fiestra aberta ao mar.
«A casa de Galicia: 50 anos da Casa de Rosalía». Exposición na eira da Fundación Pondal.