Forza común no Couto para un outono de saber
Ponteceso
Especial | Entidades da aldea pontecesá lanzan programa de actividades conxunto: dende hoxe mesmo a decembro
28 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
É o outono un tempo de recoller froitos, sempre que a terra se tratase ben. O mesmo pasa co saber. A nova estación é propicia para o recollemento, a análise e a aprendizaxe, máxima que fixo súa a aldea pontecesá do Couto, lanzando para os vindeiros meses, dende outubro ata decembro, un programa conxunto de actividades e encontros puntuais que se suman ás actividades permanentes que teñen xa de luns a sábado. Fundación Pondal, Monte Branco, Inllar, A Oliveira, Casa do Maior e Casa da Muller participan desta proposta que incluirá iniciativas non só a desenvolver na vila pondaliana, senón tamén na irmá Mondoñedo. Alí haberá cando menos dous actos de memoria e homenaxe a Pascual Veiga, autor da música do Himno Galego.
Lingua, con iniciación ao idioma e preparación das probas Celga; consumo, con charlas para a educación nesta materia e asesoría en reclamacións; coiro, na modalidade de acabados; horta e fruticultura, con asesoría para o tratamento de solo e froiteiras; oratoria, unha proposta para rapazada de cara aos certames de debate; contadas entre iguais e cine infantil no Tornarratos, a sala máis pequena do mundo no interior dun cabazo; cociña de proximidade, con María Bazar, Silvia Facal, Pablo Blanco e Marisol Mato [tamén, con continuidade, Juan Bautista Mato]; e memoria, gravacións de testemuñas de vida local a xeito de cápsula do tempo, son algunhas das novidades do outono no Couto. Sumarase todo isto a ciencia, divulgación sanitaria, teatro, educación, música, literatura ou asociacionismo.
Hoxe, a Vila de Cruces
Un menú intenso no que colaboran Concello e Xunta e que comezará hoxe mesmo cunha expedición a Vila de Cruces. Incluirá visita ao taller zoqueiro da familia Ferro, visita á Casa-Museo de Neira Vilas, ofrenda floral no cemiterio de Gres e un xantar de irmandade.
Claves para a rexeneración paisaxística e máis con Juana de Vega, o día 3
De 10.00 a 17.30, acollerá a Fundación Eduardo Pondal o vindeiro 3 de outubro a xornada O rexurdir das aldeas, da man da Fundación Juana de Vega. Inés Santé, profesora titular da Universidade de Santiago, será a primeira en intervir: A estratexia europea Smart Village. Seguirá Francisco García, técnico de desenvolvemento rural da Fundación Juana de Vega, con A dinamización dos núcleos rurais. Logo dunha pausa-café, chegará (12.00) una mesa redonda en torno a claves para a rexeneración paisaxística e a dinamización local, moderada por Beatriz Suárez, directora da área de desenvolvemento rural da entidade organizadora. Tomarán parte Lucía Escrigás (Fundación RIA), Daniel Suárez (Somiedo LivingLab), Juan Carlos Pérez (Aldealista), Nuria Freire, técnica de paisaxe, e Diego Quiñoi (Energy Lab). Para as 16.00 quedará unha visita de estudio á aldea do Couto, na que se tratarán de identificar os seus valores.
OUTUBRO
Martes1. Inauguración da exposición «Aldea do Couto», no edificio administrativo San Caetano (edificio Pirámide).
Xoves 3. Na Fundación Eduardo Pondal, xornada «O rexudir das aldeas», organizada pola Fundación Juana de Vega.
Sábado 5. Inicio das Aulas Científicas e Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal, oratoria e Tornarratos.
Luns 7. Na Fundación Eduardo Pondal, inicio das actividades da Casa da Muller.
Mércores 9. Presentacion de EduCONSUMO.
Xoves 10. Na Fundación Eduardo Pondal, «tempo de vacinación». Charla impartida por responsables sanitarios do PAC de Ponteceso: 16.00.
Sábado 19. Na Casa dos Veciños, ás 22.00 horas, representación teatral do grupo Badius de Baio: obra «O parvo».
Domingo 20. No Cemiterio Vello de Mondoñedo, ás 13.00, ofrenda floral a Pascual Veiga, autor da música do Himno.
Xoves 24. Na sede da Fundación Pondal, ás 17.00, Espazo Educar. Presentación didáctica «A baralla das palabras», a cargo de Eva Uceira.
Martes 29. Tamén na Fundación Pondal, ás 17.00, espazo Educar. «Cantareiras», con Xosé Manuel e Icía Varela. Actividade para equipas de Normalización Lingüística.
NOVEMBRO
Domingo 10. Na Casa dos Veciños, representación teatral por parte dos integrantes do grupo Mafaldas. Traen a O Couto a función «Made in Galiza», da autoría de Séchu Sende.
Sábado 16. Ás 12.00 horas, Cova Céltica infantil. Presentación da obra «Os versos da mariola», de Antón Cortizas, con motivo do San Martiño.
Xoves 21. Na Fundación Eduardo Pondal, pola mañá, concertos didácticos por mor de Santa Icía a cargo dos gaiteiros do Centro Coreográfico Galego. Concertos tanto para público infantil como para adulto.
Venres 22. Segue a proposta dos concertos didácticos a cargo de gaiteiros do Centro Coreográfico Galego.
Domingo 24. Na Casa dos Veciños, nova edición de «Aquí cabemos todas», un encontro asociativo con motivo do Día contra a Violencia de Xénero. Participan desta quedada as entidades A Oliveira, Inllar, Monte Branco, Casa da Muller, Casa do Maior e tamén Fundación Eduardo Pondal.
Decembro
Xoves 19. En Mondoñedo, homenaxe do alumnado pontecesán a Pascual Veia.
Venres 20. No instituto Eduardo Pondal da localidade pontecesá, celebración do Día do Himno Galego. Conferencia a cargo de Manue l Ferreiro, un dos maiores coñecedores da obra do bardo Pondal, e amizade de tempo da fundación, un dos históricos do Simposio Pondaliano que tantas veces acolleu a vila. Farase tamén unha ofrenda floral diante do monólito pondaliano.
e ademais...
Cova Céltica con Manuel Rivas. Aínda con data por definir.
Actividades permanentes, DE LUNS A SÁBADO
- Coral A Oliveira: ensaios.
- Inllar: baile libre, gaita, pandeireta e percusión.
- Monte Branco: xogos de mesa.
- Casa do Maior: memoria.
- Casa da Muller: costura, informática, teatro, calceta, coiro, preparación do galego, lembranzas, mindfulness, música tradicional, cociña, educación e axuda ao consumo, fruticultura e horta, cestería, pirogravado ou envellecemento activo.
- Fundación Eduardo Pondal: Aulas Científico-Tecnolóxicas, oratoria, Tornarratos...