Unha protección especial para o Cruceiro dos Santos, en Bamiro
Vimianzo
Saudamos a iniciativa do Concello de poñer en valor esta obra, de polo menos 500 anos de antigüidade, pero debería incluír un plan de protección integral de todo o monumento
01 Sep 2022. Actualizado a las 12:26 h.
Hai uns días anunciábase que o Concello de Vimianzo comezaba «os traballos de recuperación do Cruceiro de Cheis, que retirará para a súa restauración e datación». Lemos na web do Concello que se vai realizar un estudo arqueolóxico integral, de restauración e histórico-artístico, pois non están moi claras as datas de construción. Engádese que «existe documentación que fala do século XIV, pero tamén do XV e máis do XVI».
Xa temos dito e repetido en múltiples publicacións —desde A arte relixiosa na Terra de Soneira (1993) a Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte (Semescom 2012), pasando por diversos congresos de cruceiros (Poio 2009, por exemplo)—, que o Cruceiro dos Santos ou de Cheis é unha obra única en Galicia, pois ademais de formar parte do reducido grupo dos máis antigos, tamén forma parte do selecto grupo dos de máis valor artístico.
É de estilo gótico, e no seu día encadrei a súa feitura nun período comprendido entre 1350 e 1500, pero carecía dunha proba documental que o certificase. Se de certo apareceu agora esa proba, ben que me alegro. Conta cun total de nove figuras esculpidas polos catro lados da súa cruz arbórea. Ademais do preceptivo Cristo crucificado nun dos lados, presenta no oposto un tema iconográfico inédito: unha Trindade, que en poucos cruceiros se repite.
Polo menos 500 anos
Nin que dicir ten que saudamos a iniciativa do Concello vimiancés de poñer en valor esta obra senlleira, de polo menos 500 anos de antigüidade, que chegou intacta ós nosos días nunha solitaria encrucillada de camiños. Un verdadeiro milagre que resistise cinco séculos as inclemencias do tempo e, o que é peor, as accións humanas.
Dúas arqueólogas, unha restauradora e un canteiro encárganse da súa restauración e despois da colocación no mesmo lugar en que se atopaba. Valoramos positivamente esta intervención, pero o que nos preocupa é saber se nela se contempla un plan de protección integral de todo o monumento. Oxalá o haxa, confiemos, pois se non é así o perigo de roubo ou de destrución seguirá latente e estaremos nas mesmas, co problema principal sen resolver. Estes perigos, por desgraza, estanse incrementando día a día; vémolo na prensa.
As terras vimiancesas son particularmente ricas en cruceiros, boa parte deles bastante antigos (dos séculos XVII, XVIII e XIX). No libro que publicamos en 2012 con José Mª Laredo hai unha relación dos máis sobranceiros para unha ruta circular. A asociación galega Amigos dos Cruceiros mesmo pensara nalgunha ocasión en facer un dos seus congresos anuais no concello de Vimianzo.
*Xosé María Lema é o presidente do Seminario de Estudos da Costa da Morte.