La Voz de Galicia

Vimianzo chama pola maxia do Nadal: así será a programación na capital de Soneira

Vimianzo

P. Blanco Carballo / La Voz
Así estaba a Praza de Vimianzo no día do acendido de luces do Nadal 2023

Especial | Dende onte ata o 5 de xaneiro, un mes enteiro de actividades e ilusión. E aínda máis! 

06 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Son tantas as datas e as propostas da programación de Nadal presentada polo Concello de Vimianzo que, por centrarse e non perder ningún dos días máis sinalados, convén quedarse cando menos con dúas. A primeira, mañá mesmo, sábado 7 de decembro, pois para as 19.30 horas está previsto na Praza o acendido das luces de Nadal con chocolatada e apertura do Recuncho Gastronómico. Xa antes, dende as 16.30, haberá festa infantil, e para despois quedará un espectáculo de Hípica Celta. «Un dos días máis agardados do ano», referencian dende o consistorio, para o que xa é tradición tamén o acendido do Cepo de Nadal no castelo, referente cultural e patrimonial de todo canto fai a capital de Soneira: será o 21 de decembro, ás 10.30.

ANA GARCÍA

CENTRO E PARROQUIAS

Pista de xeo. Se as datas de acendido de luces e cepo son clave, non menos o será a do 13 de decembro: ese día, ás 19.00, quedará aberta a pista de xeo. Vimianzo repite proposta un ano máis e xa hai municipios veciños anunciando o paso de rapaces e rapazas por esta instalación. Unha pista que será, por tanto, punto de encontro para o propio concello e para máis alá. O goce seguirá ata pasados os Reis.

Cantos de Nadal. Non só se trata de encher de Nadal o centro. EncargarAse de levar a ilusión ás parroquias a asociación Trubisquiña, que entre o 16 e o 23 de decembro irá peregrinando por todas elas. Canda si levan festa.

A maior ilusión

Papá Noel. Manterá encontros por vídeoconferencia con rapaces dos colexios San Vicenzo e Baíñas os días 11 e 18. Presencialmente, visitará o 19 a escola infantil Os Vimianziños, así como a vivenda e residencia de maiores. Para o 20 quedaranlle unitarias e colexios de Baíñas e Vimianzo. Na xornada do 23 paseará animado a localidade. E o 24, máis!

ANA GARCIA

Vimianzo Concilia. Do 23 de decembro ao 3 de xaneiro, en horario de mañá, con inscricións ata o 18 deste mesmo mes.

Cabalgata de Reis. O 5 de xaneiro, un clásico, con percorrido polas parroquias dende as 10.00.

Concurso de postais. As bases, en www.vimianzo.gal.

Recuncho Gastronómico

Actuacións. Salvo os Cantos de Nadal con Trubisquiña o 23 de decembro, ás 19.00 horas, todos os concertos do Recuncho Gastronómico —na Praza— serán ás 21.00: Caamaño & Ameixeiras (21 decembro), Irma Macías e Luís Pinto (27), Javier Sampedro e Suso Quinito (28), dúo D’Festa (3 de xaneiro) e Broken Peach (4).

Festas, obradoiros e máis. Cookies con Yamila Sidati (13 de decembro, 17.00 horas), ilusión co Mago Deime (día 22, 18.00 horas), recepción a Papá Noel (día 24, 12.30 horas), celebración infantil con Divírtt (29, 17.00 horas) e fin de ano co Home Orquestra (día 31, 12.00 horas, badaladas ás 13.00).

BASILIO BELLO

Cultura no auditorio

«Para nós é moi importante ofrecer unha axenda de actividades que fomente a convivencia e o goce xeral destas datas (...) Animamos a todo o mundo a vir, e a vivir o Nadal connosco». Foron palabras de Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, durante a presentación do programa este pasado mércores. Fóra do que poden ser estritamente actos de Nadal, a vida segue no auditorio da Casa da Cultura vimiancesa:

Cine Mestre Mateo. Proxeccións ás 20.00 horas: «Salta!», hoxe mesmo; «A viaxe de Lucy», o 14; «Chichi e máis eu», o 20; e «Os espazos en branco», o 27.

Gala solidaria. Con Cáritas e Cruz Vermella. O 15 de decembro, ás 17.00 hora. Entrada: 5 euros.

Presentacións literarias. «Homes e mulleres de sal e ferro», de Xesús Búa, o 14 de decembro; e «Promesas de otra vida», de Lucy Fidalgo, o 27. As dúas, ás 19.00.

Concertos e espectáculos. Orquestra infantil da Sinfónica de Galicia, o 5 de xaneiro ás 11.00 (Concerto de Reis); Moc Moc o 21 ás 12.00 e musical infantil «Frozen-La reina del hielo» o 3 de xaneiro (17.00 e 19.30).

Entregas de premios. Do concurso de postais o 20 de decembro e Contos de Nadal de La Voz o 21.


Comentar