A Deputación inaugurou unha aula ambiental no Courel
Ciencia
O novo servizo está instalado no edificio da estación científica da USC
17 Mar 2011. Actualizado a las 06:00 h.
A Deputación inaugurou onte a aula de divulgación medioambiental que habilitou no edificio da Estación Científica do Courel grazas a un convenio coa Universidade de Santiago e dentro do programa Lugo02. O acto contou coa presenza do presidente do organismo provincial, José Ramón Gómez Besteiro, e dos vicerreitores de Coordinación e Planificación e do vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus lucense, Pedro García Herradón e Pablo Ramil.
Gómez Besteiro sinalou que a apertura deste centro completou a rede de aulas ambientais de Lugo02, que conta con outros dous locais deste tipo nos municipios da Fonsagrada e Guitiriz. O programa, financiado nun 70% con fondos europeos, estará vixente ata o 30 de xuño. Despois desa data deberá ser a Deputación quen asuma integramente o mantemento destes servizos.
O presidente da Deputación expresou a súa confianza en que a aula axude á divulgación dos valores naturais da Serra do Courel e que contribúa deste xeito a potenciar a actividade turística e a economía da zona.
Pola súa parte, Pablo Ramil manifestou a boa disposición da USC a seguir colaborando coa Deputación e con outras institucións para organizar máis iniciativas que poidan axudar dlagunha forma ao desenvolvemento socioeconómico do Courel.
A aula, segundo explicaron no acto de presentación, traballará intensamente cos centros educativos, pero estará aberta a todo tipo de visitantes.
Ausencia da alcaldesa
Ao acto asistiron o exalcalde José López Fontal e os rexedores dos municipios do Cebreiro, Cervantes e Navia de Suarna. Quen non estivo presente foi a alcaldesa do Courel, Lola Castro, a pesar de que foi invitada polos responsables do organismo provincial. A este respecto, Lola Castro explicou que a invitación lle chegou sobre as oito da tarde do martes, polo que non lle deu tempo suficiente para incluíla na súa axenda, xa que onte -ao igual que o martes- tiña previsto realizar xestións en Santiago. Castro, por outra parte, expresou o seu malestar pr este feito e dixo estar convencida de que a demora con que recibiu a invitación fora algo premeditado.