La Voz de Galicia

Xosé Manuel Carril: «Negar un hipotético pacto co PSOE non é ningunha pose»

A Coruña

Francisco espiñeira A Coruña / la voz

«Hai outro modelo fronte ás políticas de dereitas de PSOE e PP», avisa

18 May 2011. Actualizado a las 06:00 h.

Xosé Manuel Carril (Paddington, Londres, 1969) fai campaña no decurso dun permiso especial pedido á Universidade da Coruña. Os quince días concedidos de acordo coas normas da entidade rematan o vindeiro domingo, ás 23.59 horas, como el mesmo recorda. Por iso, o luns, pase o que pase, acudirá a dar clase a Ferrol. «Xa o teño falado cos alumnos para recuperar os asuntos pendentes», conta este profesor e investigador da UDC e militante do Bloque desde hai case tres décadas, pai dunha filla e veciño de Monte Alto. Na campaña investirá 20.000 euros e mobilizará a 300 persoas.

-¿Por que se presenta?

-Porque foi unha decisión colectiva e me elixiu a asemblea local do Bloque Nacionalista Galego.

-¿Cales son os seus obxectivos como cabeza de lista?

-Que o BNG estea á fronte dunha cidade galega, de barrios, metropolitana e sustentábel, que ademais sexa o motor de desenvolvemento económico e social da comarca coruñesa, tanto na xeración de emprego como na defensa do emprego público e de calidade.

-¿Que problemas son os que máis preocupan ao BNG?

-O transporte público, a proliferación de grandes áreas comerciais e o urbanismo, pero no sentido máis amplo e transversal. Foron as cuestións que cando nos puxemos a elaborar o programa electoral e a recoller as demandas dos cidadáns e dos movementos sociais atopamos esas ideas base que a cidadanía nos pediu atacar.

-¿Que propón vostede?

-O BNG quere fomentar o transporte público dentro da cidade, garantindo que todos os barrios queden conectados cos puntos neurálxicos, como os polígonos. Revisaremos para iso a concesión da Compañía de Tranvías e apostaremos pola optimodalidade, por utilizar e poñer en valor as infraestruturas que xa existen, como os camiños de ferro.

-¿E no pequeno comercio?

-A idea é que os comerciantes autóctonos participen na toma das decisións que lles afecten, porque xa está claro que o comercio de proximidade e as grandes superficies son totalmente incompatibles. Haberá que tomar decisións entre todas as administracións para poñer en valor o sector, dinamizar o consumo e promocionar a compra nestes locais con máis e mellores infraestruturas.

-¿E o urbanismo?

-Queremos aproveitar a elaboración do PXOM para acometer unha rexeneración en profundidade, defender o chan industrial e os espazos públicos e zonas verdes.

-Négase a ratificar un posible pacto co PSOE.

-Negar o pacto non é unha pose nin un disfraz. O BNG preséntase con un perfil propio no que nacionalismo é sinónimo de esquerdas. Temos o noso propio proxecto, diferente ao das políticas de dereitas que aplican tanto o PSOE coma o PP, porque hai que falar con claridade e dicir que hai outro modelo político posible.

-¿Cales son as liñas vermellas para esa hipotética renovación da alianza?

-A pregunta non deixa de ser sobre se hai pacto ou non. Agora temos que explicar as nosas propostas e que a cidadanía decida con liberdade. E logo xa se falará, pero as liñas vermellas son o noso programa.

-¿Endurecerá entón a súa postura con respecto ao PSOE como xa fixo ao apoiar dúas mocións do PP nun pleno?

-A chegada do BNG supuxo un punto de inflexión na política municipal. A actuación de todo, e repito, de todo, o grupo municipal foi extraordinaria.

-Pero as disensións foron habituais en moitos temas, como o comercio, o Porto...

-No caso desas mocións, Tello pecou de exceso de prudencia no exercicio da lealdade en dous temas que non afectaban para nada ao pacto e nos que o BNG tiña marcada a súa liña.

-¿Haberá deriva radical, como anticipou Francisco Vázquez?

-Digo o que dixen hai un mes, que o señor Vázquez debería ser máis humilde e sincero e que lle agradezo a súa bendición. Se ter unha liña máis combativa é loitar contra a crise económica que defenden o PSOE e o PP, con un modelo fracasado para intentar saír dela con reformas laborais, a bancarización das caixas, o decreto do carbón... Nós temos un perfil ben diferente, e apostamos por crear emprego e pola defensa dos servizos públicos e só podo dicir que seremos contundentes na aplicación do noso programa electoral e na defensa dos seus contidos.

-Algúns membros do BNG están en contra de ampliar Alvedro.

-O BNG ten marcada a súa liña e estamos claramente a favor dun sistema galego no que os tres aeroportos traballen nun sistema de colaboración e cooperación e non desde a competencia, que beneficia ao Sá Carneiro. Queremos que Alvedro sexa totalmente operativo e que se garantan as conexións coas grandes terminais europeas, para garantir a conexión co resto do Estado, de España e do mundo. ¿A ampliación? Presentamos unha iniciativa no Congreso para que funcione como un aeroporto de primeira, pero hai que garantir a súa viabilidade e non só mediante a ampliación.

«Tello pecou dúas veces de exceso de prudencia no exercicio da lealdade ao PSOE»


Comentar