Mariscadora e poeta: «Iso de que a cultura só nace nos atrís, afortunadamente, xa cambiou»
A Coruña
Teresa Ramiro fíxose mariscadora para coidar á súa filla con parálise, agora publica un poemario onde fala sobre a conciliación
30 Apr 2019. Actualizado a las 21:30 h.
Rabuña na area do Burgo desde hai 31 anos coa mesma forza que loita contra os furtivos, a contaminación e a vida. Teresa Ramiro (Vilaboa, Culleredo, 1958) publica o seu primeiro libro, Fundido a negro (Editorial Caldeirón). Pasamos con ela unha mañá na seca.
-Unha poetisa fóra de serie.
-Pode ser. Desde moi pequena gustoume ler. Pero, iso de que a cultura só nace nos atrís, afortunadamente, xa cambiou. Hai 40 anos non tiñas unha biblioteca. Hoxe, calquera persoa ten acceso á cultura. Malia que cada vez nola neguen máis!
-Que a levou a compoñer?
-Comecei a escribir para min. É o que máis me enche. A través da poesía síntome libre para transmitir o que sinto. Coa forquita tamén, é o meu instrumento. O que me dá liberdade económica.
Coa poesía síntome libre para transmitir o que sinto. Coa forquilla tamén, dáme liberdade económica
-Para a maioría, estar gachos, escarvando, non inspira liberdade.
-A simple presenza do mar, o cheiro a iodo e salitre, reláxanme moito. É duro, pero libre. Non estás suxeita a un xefe. Se traballas menos, cobras menos. Pero podo conciliar.
-Explique iso.
-Fíxenme mariscadora para conciliar, para coidar á miña filla, que ten 40 anos e parálise cerebral por un erro médico. Traballei nunha farmacia e nunha pastelería antes. Un día, tiña que ir ao médico. Outro, a rehabilitación. Non podes faltar cada dous por tres, e sempre xorde un imprevisto. Estou separada. De que vives se non traballas?
-Moitas compañeiras compartirán historias semellantes.
-Este é un sector vertebrador en Galicia. Temos que defendelo sempre, moito máis do que o estamos a facer. Moitas mulleres sacaron a familias adiante con el.
-As mulleres son as que ‘cargan’, case sempre, cun dependente.
-Case sempre somos as nais e as fillas as que coidamos deles. As que coidamos, e as que traballamos!
-Volvendo ao libro, de que fala Fundido a negro.
-Son momentos, situacións, sentimentos. Os poemas non son correlativos. Coma cando no cine unha secuencia remata, se funde a negro a pantalla e cambia a trama. As nosas vidas están feitas de escenas.
-Lellos á súa filla?
-Procuro non aburrila [sorrí, Teresa]. Falo dos sentimentos cara ela, do sós que nos sentimos, das limitacións que temos os que coidamos dun dependente. Nós tamén somos dependentes. Dependes de terceiros.
Poucos coidadores están preparados para quedar cun cativo con autismo ou parálise
-Poucas veces pensamos en quen nos coidará a nós?
-Angustia pensar niso. Moi poucos coidadores están preparados para quedar cun cativo con autismo, cunha parálise cerebral ou mesmo cun maior con alzhéimer. Se non tes un centro de día, un colexio específico, onde os deixas? Nin pagando hai ás veces. Estamos desamparados pola Administración.
-Agora vaise cotizar...
-Vai ser unha cotización mínima. O que tiña que haber son facilidades de persoal e centros preparados para conciliar.
-Hai sitio para a beleza?
-Beleza, tenrura, decepcións. É como o mar. Agora está calmo, é unha beleza, pero tamén o é cando bate contra os cantís. A vida, igual. As tristuras forman parte do noso camiño e a poesía é o mellor antídoto contra todas as derrotas.
-Que autores ten na mesiña de noite?
-Avilés de Taramancos, Florbela Espanca, Manoel de Barros. Gústame a profundidade dos autores portugueses e mozambicanos.
-Fíxoa forte mariscar?
-Non, a min fíxome forte a vida.
Os que coidamos dun dependente tamén somos dependentes de terceiros