«Eu afronto as novelas como un desafío, repetir non paga a pena»
A Coruña
O narrador e presidente da Real Academia Galega reedita co selo Galaxia a obra que lle valeu hai trinta anos o Premio Torrente Ballester
31 Aug 2022. Actualizado a las 09:05 h.
A Cidade dos Césares viu a luz en 1993. Era a cuarta edición do premio literario Torrente Ballester e o xurado concedíao por vez primeira a un orixinal presentado en lingua galega. A obra era de Víctor F. Freixanes, narrador e —desde o 2017— presidente da Real Academia Galega (RAG). O autor ten un falar engaiolante e co mesmo interese aborda a súa viaxe polo sur máis afastado de Arxentina e a tradición oral xograresca dos cegos das feiras na infancia. Trinta anos despois, explica que tiña un interese persoal en presentarse ao certame cun traballo en lingua galega, tan válida como calquera outra. Agora volve lanzar co selo Galaxia unha reedición de A Cidade dos Césares para celebrar o idioma, o libro e os galegos da diáspora.
—Hai certas cousas desta novela que non son habituais agora nin no momento da primeira edición.
—Daquela presentábanse xuntos os orixinais en galego e en castelán. Eu afronto as novelas como un desafío, quería facer algo distinto porque repetir non paga a pena na arte. Estaba poñendo a proba o que estaba a facer e fascinábame a información que atopara para O triángulo inscrito na circunferencia. Entón pasoume algo, apareceu a crise típica dos editores, que reciben tantos orixinais e ven tanto papel impreso que acaban dubidando deles mesmos. Eu preguntábame ás veces: «A quen lle interesa isto?». Pero competir cos orixinais en castelán era algo que me motivaba moito.
—Bebe de grandes autores universais como Faulkner e Otero Pedrayo. Cre que os galegos ollamos o suficiente aos latinoamericanos?
—Eu persoalmente teño unha devoción pola literatura latinoamericana. Podería citar a moitos máis, pero Alejo Carpentier, Ernesto Sabato ou Miguel Ángel Asturias son narradores de moi longo percorrido.
—Dise que sempre é aconsellable tomar distancia do texto despois de escribir, pero trinta anos son moitos.
—Quedei satisfeito co traballo coa nova lectura, recoñézoo. A literatura é unha especie de xogo de complicidade entre o escritor e o lector. En todo libro hai unha descuberta e o lector é fundamental, por iso é un desafío para o autor.
—Como deu cun episodio tan afastado e descoñecido da diáspora galega en América?
—Tiven a oportunidade de acceder ao diario de Basilio Vilariño e a documentación do Arquivo Histórico de Galicia, tamén na Biblioteca de América de Santiago, que é impresionante. Cando fun a Arxentina e o guía me levaba polo deserto, sorprendíase moito e dicíame que non entendía por que quería coñecer os nomes antigos. Agora xa non se chamaban así: nin Choele Choel nin Nahuel Uapi. Moitos cronistas do século XIX levantaron información do mundo indíxena precolombino e eu tiña eses documentos antigos cos que reconstruía a paisaxe de Vilariño.
—Pensa que a literatura en lingua galega ten lectores abondo?
—Cada vez máis, e cada vez máis esixentes. Ollada con perspectiva temporal, a oferta é extraordinariamente variada, para todos os gustos e de todos os xéneros. Falo como editor e como lector. O problema da lingua está hoxe na socialización dos lectores novos. Necesitamos potenciar a oferta de ocio, información, produción audiovisual, música, videoxogos, espazos deportivos, actividades lúdicas e sociais sobre todo para os máis pequenos, na escola e fóra da escola. A continuidade da lingua esixe planteamentos ambiciosos. O discurso literario hai tempo que está consolidado. O desafío está nos lectores e nos falantes do futuro, nas novas tecnoloxías e na globalización. na que non podemos estar ausentes.