La Voz de Galicia

De negociacións e «cambalaches»

A Coruña

Francisco Jorquera

Neste mandato, a inestabilidade foi unha constante na corporación municipal

08 Oct 2022. Actualizado a las 05:00 h.

Neste mandato, a inestabilidade foi unha constante na corporación municipal. Unha inestabilidade que afectou ao goberno local. Lembremos o cesamento de Eva Martínez Acón, a incorporación ao executivo coruñés, após abandonar Ciudadanos, de Mónica Martínez, a dimisión de Díaz Villoslada e as continuas mudanzas na asignación de competencias nas áreas do goberno.

Mais a inestabilidade atinxiu tamén os grupos da oposición. Así, o Grupo Popular vai xa polo cuarto voceiro e a Marea Atlántica, que iniciou o mandato con seis concelleiros, ficou en catro, após dúas dimisións e a decisión das concelleiras entrantes de abandonar esa formación.

Fronte a esta situación creo, sinceramente, que o BNG achega estabilidade. Por esa e outras razóns somos unha forza confiable.

En política, se unha persoa concorre ás eleccións nunha candidatura e logo opta por desvencellarse dela, o ético é que presente a súa renuncia. Ademais, este asunto pode afectar á conformación das maiorías necesarias para aprobar distintos proxectos, nomeadamente os orzamentos do 2023.

Para facer posibles uns novos orzamentos, o BNG ten disposición a dialogar, mais o diálogo, ao noso ver, ten que sustentarse nunha serie de premisas. A diferenza da posición adoptada polo PSOE e a Marea na negociación dos orzamentos do 2022, debe ser un diálogo sen exclusións, aínda que parece lóxico, se se aposta por uns orzamentos progresistas, que a conversa preferente a manteña o goberno municipal cos grupos cos que asinou o acordo de investidura da alcaldesa.

Mais, iso si, a negociación ten que ser entre grupos municipais, pois representan a candidaturas que concorreron ás eleccións e acadaron os votos necesarios para estar representadas na corporación. Teñen, por iso, unha lexitimidade outorgada polos cidadáns.

Pretender acadar un acordo orzamentario convertendo en protagonistas a persoas que permanecen nos seus cargos após desvencellarse das candidaturas polas que resultaron electas significaría alterar a representatividade conferida polos cidadáns nas urnas.

O BNG, por coherencia e ética política, non se vai prestar a ese cambalache.

 


Comentar