O teatro que se foi
A Coruña
21 Jan 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Despois do gran teatro que Ramón María del Valle-Inclán e Bertolt Brecht puxeron en pé, chegou o enorme éxito dos creadores do teatro do absurdo: Eugène Ionesco, Samuel Beckett e Arthur Adamov (e mesmo tamén o español Fernando Arrabal). Todos criamos vivir daquela unha etapa de esplendor que tardaría moito en opacarse ou esmorecer e que probablemente nos ofrecería variantes formais e de fondo aínda inexploradas.
Pero, ao cabo, non foi así. Vin obras de Samuel Beckett en Madrid e de Eugène Ionesco en París, cos teatros abarrotados, pero non albisquei arredor nada novo que puidese substituílos. De feito, na capital de Francia asistín ao enterro do propio Ionesco no cemiterio de Montparnasse e percibín que se trataba da despedida de toda unha forma —humorística e xenialmente absurda— de facer teatro. Unha viaxe aquela na que puiden dar tamén coa casa do gran Samuel Beckett. O autor de Esperando a Godot, ao parecer, estaba a pasar uns días fóra da cidade, e non me foi posible entrevistalo.
Despois do éxito internacional destes grandes creadores, e tamén despois da recuperación do teatro de Valle-Inclán e do drama épico de Bertolt Brecht por toda Europa, foi chegando a hora do gran apagón, con episódicas e descontinuas achegas que nunca abondaron para restaurar a luminosidade daquelas obras pasadas. Parecía imposible que ninguén quixese volver sobre uns éxitos aínda moi próximos, pero a realidade era que xa todos comezaran a mirar cara a outros lados, sen ningunha solidariedade grupal. En España dabámonos por satisfeitos co social-realista autor manchego Antonio Buero Vallejo.
O Ionesco de A cantante calva nacera en Romanía en 1909 e finou en París en 1994. Samuel Beckett naceu en Dublín en 1906 e morreu tamén en París en 1989. E Arthur Adamov naceu en Rusia en 1908 e tamén acabou os seus días na capital de Francia en 1970. Os tres creadores tiveron imitadores-continuadores, pero ningún deles logrou un éxito á súa altura. Nin sequera xurdiron propostas alternativas de diferente traza. Nada.
Deste xeito, o rutilante teatro do absurdo acadou o seu cumio para logo ir esfumándose nunha especie de colapso dramático que xa non tivo volta de folla. Mais o teatro regresou á súa canle tradicional, enriquecido na escena por obras de xenios de antano como as dos mencionados Bertolt Brecht e Valle-Inclán. Algo que pareceu dramaticamente absurdo, pero que non o foi. Porque avanzar consiste tamén en recuperar e rehabilitar o pasado, neste caso un pasado dramatúrxico de incontestable mérito artístico, nunha altura aínda non superada.
O sorprendente é que agora estamos nunha etapa na que nin se crean novas formas dramatúrxicas nin se recuperan autores do pasado. O que equivale a dicir que algo parecido á morte está a medrar na nosa realidade teatral. De estar vivo Valle-Inclán, case seguro que ofrecería unha resposta contundente: «O teatro foise, pero volverá!». Pero está moi claro que hoxe nin o xenial arousán sabería dicir cando. Un misterio que doe, pero que continua sen resposta. No 2018 púxose en escena a obra Divinas palabras, unha peza do gran dramaturgo galego que mesmo tivera unha versión operística presentada no ano 1992. Mais aí apagouse a luz que irradiaba. A teimuda pregunta é: que vén agora? Pero a resposta non acaba de asomar por ningún lado. Así seguimos: a velas vir.