Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico: «Viñetas pódese actualizar, pero os autores seguirán sendo a súa base»
A Coruña
O autor e editor coruñés ponse á fronte do equipo de dirección do salón do cómic
29 Apr 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Afronta Viñetas desde o Atlántico —o veterano salón do cómic coruñés, con 26 edicións ás súas costas e que este ano se celebrará entre o 12 e o 18 de agosto— unha nova etapa tras a saída de quen foi o seu director durante 25 anos, Miguelanxo Prado, e un ano de transición, o pasado, sen unha cabeza visible na organización. Nesta nova etapa está á fronte do festival Manel Cráneo (A Coruña, 1973), autor, editor (Demo Editorial), promotor cultural e comisario dun morea de exposicións ao que todo ese bagaxe en diferentes escenas do sector pode darlle unha visión máis completa das necesidades dun evento como este. Afronta o reto con decisión e ilusión e, recoñece, con responsabilidade e prudencia.
—Chega a Viñetas nun momento complexo.
—Despois de tantos anos cunha liña moi marcada, cun director que fixo tantas cousas boas e con ese desenlace co que quedamos todos tan sorprendidos, as circunstancias son delicadas. Ademais, a nivel persoal chegou a cousa nun momento pouco oportuno, xa que acabo de publicar A nosa cinza, a adaptación do libro de Xavier Alcalá, e non paramos de facer presentacións por toda Galicia.
—Cómo afronta o reto?
—Con ilusión, son un tipo de natureza optimista. Pero iso non quita que entenda que é unha responsabilidade enorme. Todo o mundo está mirando a ver o que pasa. Por sorte atopeime cun apoio total entre os compañeiros do sector e no propio Concello.
—O ano pasado saíu adiante sen director á fronte.
—Funcionou grazas ao apoio de toda a xente. Pero unha dirección de arte é necesaria si se quere darlle continuidade e coherencia. Xa tivemos unha experiencia parecida coa pandemia. Ese ano fomos todos os que estabamos na parte da feira a perder cartos. Sabiamos que non se ía vender case nada. Estaba todo valado, parecía que estábamos loitando para que non entraran os zombis. Pero éramos conscientes de que tiñamos que estar alí. O ano pasado foi parecido. Todos tiñamos claro que había que resistir e manter o Viñetas a toda costa.
—Vostede é autor, editor, comisario de exposicións... Iso lle da unha visión privilexiada do tema do cómic?
—Levo trinta anos nisto e fixen de todo. E no Viñetas estiven sempre, primeiro como público, logo como autor, despois xa cunha caseta, a das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, e por último, dende hai quince anos, co stand de Demo Editorial. Estar tantos anos nunha trincheira a pé de rúa seguro que sirve para algo. Fai que entenda mellor os distintos papeis de cada cal. Non foi ata que montei a editorial que empecei a pensar que o editor no era o inimigo, senón un aliado. Teño visto e compartido as reivindicacións de uns, as protestas dos outros, e entendo todo. Isto axuda de cara a ter un carácter conciliador.
—A personalidade de Viñetas está moi definida: é un salón de autores, non de editoriais. Seguirá así?
—Sempre foi un festival que mimou moito aos autores. Os creadores están por riba do todo, o que me parece fantástico. Iso é algo que fixo moi ben Miguelanxo Prado. E se algo está ben, hai que mantelo. Esa é a base de Viñetas e a seguirá sendo. Poderemos actualizar o formato, xa que nestes 26 anos o perfil dos lectores cambiou, está todo marcado polas novas tecnoloxías e incluso atopámonos cunha posible ameaza para o oficio que é a Intelixencia Artificial. Todo isto ten que ter cabida e tratarse no Viñetas. Así que hai que manter a esencia do festival, e tamén mirar para adiante e aportar cousas novas.
—Como o de sacar Viñetas do verán e facer cousas máis aló do salón.
—Iso é algo que está presente. Viñetas ten que ser unha marca que funcione todo o ano, e non vexo imposible que así sexa, facendo actividades a o longo do resto de meses. De feito, algunha cousa se fará, seguro.
—O cartel de este ano encargóuselle a Genie Espinosa.
—É unha autora magnífica, levou o premio no Salón de Barcelona e está arrasando a nivel europeo. E polo estilo que ten, creo que será un cartel cheo de cor, de alegría e optimismo, que boa falta fai.
«Este será probablemente o ano que máis cedo se presente o cartel de convidados»
Os autores convidados ao salón do cómic son unha incógnita ata o momento da presentación oficial do cartel, que este ano será antes do acostumado, tal e como indica Manel Cráneo.
—Non nos pode adiantar algo?
—Pódoche dicir que en breve, en cuestión de días, vaise poder ver o cartel. Así que probablemente sexa o ano que máis cedo se anuncie o cartel e os convidados ao festival. Esperamos facer algo que deixe contento ao público, aos membros do sector e ao Concello, porque se non o ano que ven xa non estou por aquí.
—E vostede, quedou contento ca lista de convidados?
—Eu sempre lle busco o lado bo ás cousas. Así que estou contento, pero sei que aínda o estarei máis, ou a lo menos máis relaxado, cando todo pase. Porque estes últimos días escoitei felicitacións de xente de todo tipo. E a todos lles dicía o mesmo, que me estaban felicitando por algo que aínda non tiña feito. Prefiro felicitacións pola xestión que polo cargo. Que veñan ao final se as cousas se fan ben.
—Cal é o seu soño? A quén lle gustaría traer ao Viñetas?
—Non é unha pregunta fácil... Tratarase de que veñan eses autores que aínda non pasaron polo Viñetas, pero é que por aquí xa pasaron máis de 250 convidados. E todos dun nivel altísimo. Así que o reto no pode ser máis que seguir traendo figuras como ata agora. Pero se teño un soño en particular sobre Viñetas é que siga sendo o caldo de cultivo para que debuxantes de aquí terminen convertidas en figuras internacionais, como David Rubín ou Emma Ríos. É dicir, darlle pulo a eses autores para que nuns anos volvan ao festival sendo xa grandes referentes. Esa función de potenciar novos valores é parte inherente do Viñetas.