La Voz de Galicia

Bioloxía humana na «magic town»

Betanzos

xosé maría torres Farmacéutico e membro de Farmamundi

30 Dec 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Magic town é o título dun filme, unha comedia protagonizada por James Stewart, que relata os esforzos dunha firma de sondaxes electorais en atopar unha cidade que representase ao conxunto de EE. UU. Desde aquela, magic town é a cidade que clava os resultados do conxunto dun país.

 

En Galicia, esa cidade máxica é Betanzos. Por iso Manuel Fraga, nas noites electorais pedía co corazón os resultados da súa Vilalba natal, pero tamén coa cabeza o test de Betanzos, como relatan Carmen Cotelo e Salvador Naya no libro Betanzos, magic town, editado por Biblos; unha editora, Biblos, pero tamén libraría, Clube de Lectores e espazo cultural na capital das Mariñas, unha aventura iniciada hai máis de 15 anos por Carmela González e Tucho Calvo (escritor e antigo redactor de La Voz de Galicia).

 Nese foro presentouse hai uns días o libro Biología Humana. ¡A ver si nos entendemos!, de Salvador Fojón, biólogo e profesor na facultade de Enfermaría da Coruña. Un libro extenso, 500 páxinas, e intenso, que comeza co Big bang e remata co Antropoceno, pasando por Stephen Jay Gould, o cuarto das moscas de Thomas H. Morgan, ata os virus e vacinas, algo a lembrar no mes en que a OMS celebra os 40 anos de erradicación da varíola.

 No trance contou coa colaboración de Alberto Juffé, prestixioso cirurxián cardíaco durante anos no hospital público coruñés (ese Chuac de horrible acrónimo!), que fixo unha disección do libro ponderando o seu contido e a erudición do autor. Máis informal foi Javier Guitián, farmacéutico e catedrático de Botánica da USC, colaborador nestas páxinas de Opinión coa columna «En ocasiones veo grelos». Con maxistral ironía, para solaz dos asistentes, Guitián describiu ao seu amigo Salvador como unha nova especie, «O home de Oza» -pola súa localidade de residencia-, un homínido dotado de singulares habilidades: avezado naturalista, instrutor de mergullo (autor do libro Accidentes y Enfermedades en el Medio Acuático), cooperante en Centroamérica ou guitarrista; e tamén dalgunha torpeza... no manexo da gaita; pero xa dicía Castelao que para tocala facían falla moitos folgos.

 

Esquecía dicir que Fojón, que comparte alegrías e penas con Mari Paz Ondina -profesora de Zooloxía na sede lucense da USC- é médico intensivista no complexo hospitalario coruñés, onde é responsable de postoperatorio cardíaco, e pioneiro dos transplantes de corazón, un corazón que abriu ao final do acto, agradecendo con emotividade a presenza aos amigos que enchían a sala.


Comentar