Consuelo Carro Veiga, premio Meléndez de Texeda: «Ata o quinto fillo non tiven unha lavadora, ía ao lavadoiro das Cascas»
Betanzos
Recibirá o día 10 o galardón de igualdade de Betanzos
02 Mar 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Consuelo Carro Veiga (Betanzos, 1940) vive nas Cascas, no barrio onde naceu e recibirá o día 10 o galardón que otorga o Concello de Betanzos pola igualdade, o Premio Úrsula Meléndez de Texeda. É un recoñecemento a unha vida de traballo para sacar adiante a unha familia numerosa. Tivo oito fillos que agora teñen entre 61 e 44 anos e son o que máis gaba polas atencións que tamén teñen cara ela.
—Como foi a súa vida?
—Nacín nunha casa velliña, con lareira, os chans de terra. Éramos oito irmáns, agora quedamos dúas irmás. Aos 13 anos marchei a servir, aos 21 caseime e aos 38 anos xa tiña oito fillos.
—Traballou moito?
—Eu con 13 anos xa comecei co meu marido, el tiña 20. Marcheime a servir a unha casa, coma se facía antes, porque os meus pais eran pobres. Meu pai traballaba na terra e no inverno non había que comer. O que é labrador, se chove non gana. Tiven que ir a ganarme a vidiña. Leváronme uns señores para Ávila, despois volvín e servín en Betanzos dende os 16 anos ata que me casei aos 21 e tiven aos meus nenos. Despois traballei na casa e nas leiras. Ata o quinto fillo non tiven unha triste lavadora, ía ao lavadoiro das Cascas e subía cos caldeiros na cabeza.
—Quedou viúva moi nova.
—O meu home [Jesús Basteiro Fernández] morreu con 58 anos, púxose enfermo dous anos antes. Xa tiña tres fillos casados, pero cinco aínda estaban comigo. Sen el foi todo moi mal, grazas que as nenas axudaron o que puideron, foron a traballar porque eu quedei con 30.000 pesetas (180 euros). Nunca lles faltou nada, sempre tivemos que comer e saíronme moi bos. Despois fóronse casando e axudeilles a coidar os netos.
—O balance e bo?
—Eu estou contenta coa miña xente e os meus netos. Grazas a Deus teño saúde. Nunca tiven enfermidades grandes.
—Segue facendo moito traballo?
—Cando nos xuntamos a familia, cociño coa miña filla Ruth para unhas vinte e cinco persoas.
—E como é o día a día.
—Érgome as 7.30, doulle o almorzo aos netos que quedan a durmir e mándoos para o bus e ao mediodía volven a vir comer xunto a avoa. Agora son menos, pero tiven a sete para xantar porque todos me quedaron de catro meses. As veces veñen máis ao mediodía e nunca me deixan soa. A min gústame ir á leira. En canto acabo de fregar voume. No verán xa marcho as catro e se cadra ata as once non volvo.
—Pero, ten moita horta?
—Unha pouca e sacho toda a man. Mira se traballaba, que cando quedei viúva tiña unha chaboliña e mataba catro porcos ao ano, agora só teño pitas, porque casáronse os rapaces e había que subir os caldeiros e ir ao estrume. A min gústame comer do que eu planto, patacas, tomates, xudías, planto de todo e para toda a familia.
—Pero cantos son?
—Teño 14 netos, oito fillos e máis as noras e os xenros.
—E fai vida social?
—Pouco saio, vou a algunha excursión de vez en cando, pero non son de ir a un café. Elas [polas fillas] rifan comigo.
—Esperaba o premio.
—Non, son sincera. A alcaldesa, María Barral, explicoume que era por ser unha muller traballadora e loitadora, porque quedei moi noviña viúva.