«Agora chámanlle ?whatsapps de papel? ás notiñas de toda a vida»
Cambre
A escritora coruñesa ven de gañar novo premio coa súa obra «Bicha»
01 Feb 2015. Actualizado a las 05:00 h.
Esta é a historia dunha escritora de poesía para adultos á que, un día, un neno díxolle que se escribía un conto infantil a levaría no seu avión cando fose maior. Así que Eli Ríos (Londres, 1967) compuxo a obra Bicha, e agora ten novo premio e voo.
-¿Como foi iso do avión?
-Un día fun presentar meu poemario María ó colexio dos meus fillos, en Cambre. Sendo unha temática para adultos, foi un éxito total entre os nenos de 10 anos. Cando saín da presentación, un deles díxome: «Se escrebes un conto para nenos, cando sexa piloto, lévote no meu avión». Algo me fixo clic dentro e díxenme: ¿Por que non?
-¿Volveu á escola agora que a historia xa é unha realidade?
-Volvín e topeime co mesmo neno, así que díxenlle: Eu xa cumprín, agora che toca a ti. Contestoume cun «whatsapp de papel» no que poñía: «Moitas grazas polo conto e o voo xa cho darei».
-Perdón, ¿contestoulle cun que?
-Cunha nota manuscrita, pero na clase da miña filla chámanlle así: whatsapps de papel. [Risas] É a notiña de toda a vida.
-Por esta obra acaban de concederlle o premio Pura e Dora Vázquez de Narración da Deputación de Ourense. O xurado destacou a importancia que o relato da á amizade entre nenos e animais. ¿Como é o argumento?
-Pois está ambientada nese colexio e conta unha aventura moi na narrativa coa que se criou a miña xeración que é Os Cinco. O contido da obra reclama un diálogo aberto entre os adultos e os nenos, que sexan escoitados con máis atención.
-¿Non se lles escoita dabondo?
-Non. Hoxe en día esquécenos escoitar o importante que eles teñen para contar. Non deberíamos banalizar o contido do que nos transmiten os nenos.
-¿Que lles preocupa máis?
-Penso que os sentimentos. Eles non son de pedra, nin unha estatística. Un neno non é só o que se di del. Ás veces, se lles poñen cualificativos como «repetidor» ou «friki», pero, por debaixo deses nomes, hai persoas.
-¿E como é iso de amentar á
Bicha
? ¿Por que ese nome?
-Bicha é un animal mitolóxico, é un dragón no que todas as partes son importantes. No meu conto é igual. Todos os nenos e as nenas que participan son importantes ó mesmo nivel. Non hai un que destaque por ter máis habilidade que os outro. Cada un ten a súa personalidade, os seus recursos. Un entende de informática, a outra é máis áxil... O conxunto deses elementos conforma o todo.
-Segundo as normas do premio, a súa obra será publicada coas ilustracións que resulten elixida nun seguinte certame.
-Iso faime moitísima ilusión. As ilustracións poden cambiar a visión dun libro. Ti ves unha de David Pintor e fala por si soa.
-Agora haberá unha recua de ilustradores coa obra nas mans.
-Sinto unha enorme carga de responsabilidade! Que estarán pensando, que parte ilustrarán... E sinto moito nervio por velo xa.
Eli ríos
premio pura e Dora vázquez de narración da deputación de Ourense
«Eu vivía nunha aldeíña e empecei a vivir mundos grazas os contos do meu avó»
Eli Ríos, filla de emigrantes, nace en terras londinienses, pero logo se traslada a unha pequena aldea de Ordes, onde pasa a súa infancia. Tras realizar un percorrido por Portugal, Azores e Cabo Verde, acaba na Coruña.
-E agora son moitos os xoves que, por desgraza, están tendo que percorrer o camiño que fixeron seus pais hai anos.
-É así. Eu son filla da emigración e isto non nos afecta só a nós, tamén os nosos fillos. Falo de nenos que se crían fóra, que xa non saben moi ben a onde pertencen. Iso é algo que aparece no conto, a situación económica e laboral dos pais. Polo menos, no meu entorno, os nenos tamén sofren a crise. Non creo que sexan tan inconscientes. Empeñámonos en metelos en burbullas e son seres vivos.
-Os nenos tamén se decatan dos recortes.
-Talmente. Canto lle dis aos nenos que non pinten os libros porque hainos que devolver á Xunta, son moi conscientes do que hai. Ou os que fan unha soa comida ó día. Debería caérsenos a cara de vergoña como sociedade.
-Isto de contar contos aos nenos, ¿venlle de familia?
-Si. Meu avó sempre tiña tempo para sentarse a contarnos contos. De feito, estou na literatura por el. Eu vivía nunha aldeíña e empecei a vivir mundos grazas a el. Cando cheguei á carreira e empecei a ler a Dieste ou a Cunqueiro, eu xa coñecía eses contos. Non era a mesma localización, pero eu xa vira o da muller que se convertía en lobo ou o da xente que resucita. ¡Había cantidade desa nos enterros! [Risas]