La Voz de Galicia

Laura Veleiro, presidenta de Cántigas da Terra «Fomos dos primeiros en integrar ás mulleres para cantar, nos anos vinte»

A Coruña ciudad

loreto silvoso a coruña / la voz
Laura Veleiro, presidenta do coro Cántigas da Terra.

O coro coruñés busca preservar a súa identidade galega dende hai 106 anos

18 Jun 2023. Actualizado a las 09:49 h.

Laura Veleiro sente o peso da historia. A primeira muller presidenta de Cántigas da Terra recolle a testemuña dos 106 anos de vida dun dous poucos coros históricos que sobreviven na actualidade. Atopámola na sede de Ángel Rebollo, en Monte Alto, rodeada de partituras emblemáticas. Pedímoslle que saque unha ao chou e resulta ser nada menos que a Alborada galega de Pascual Veiga. Ao carón, mais tesouros. Dobrados en catro dobras, os telóns xigantes do escenógrafo Camilo Díaz Baliño e dúas zanfonas míticas dentro duns armarios ignífugos: a de Perfecto Feijoo e a de Saturnino Cuíñas. Estandartes todos da nosa cultura.

—Cen anos para ter a primeira presidenta é moito agardar.

—Ao principio, Cántigas da Terra foi un coro masculino, como eran todos os da época. Pero fomos dos primeiros en integrar ás mulleres para cantar, nos anos vinte.

—As mulleres empezaron a reclamar o seu espazo?

—Nos anos oitenta tivemos a primeira gaiteira de Cántigas, Erea Estévez, e nos noventa, Arancha Concheiro foi directora do coro. Ata o de agora, nunca houbera ningunha muller presidenta, pero si unha vicepresidenta, Eva Fernández Cabazo.

—Vostede leva trinta anos sendo directiva de Cántigas.

—Levo nas directivas dende 1995, pero sempre facía labor de bibliotecaria e vicearquiveira, porque son historiadora.

—Que se sente ao facer historia?

—Responsabilidade, alegría e o peso da historia. Quero facelo tan ben como os que me antecederon. Trátase de sumar e crecer.

—Este coro está moi vivo?

—Na actualidade rondamos as sesenta persoas. Certo que nos setenta eran moitos mais, era un coro enorme, pero seguimos traballando coa mesma ilusión. E somos unha entidade moi activa culturalmente. Hai uns días fixemos un concerto coa Banda Municipal da Coruña no Teatro Colón no que interpretamos pezas tradicionais, pero tamén novas vangardas.

—O fenómeno dos coros históricos xurde a principios do século XX para recompilar a música de raíz.

—Si. Os fundadores do coro eran moi conscientes de que ese patrimonio inmaterial se estaba a perder e había que preservalo. Fixeron todo ese traballo de recuperar e recoller as melodías e as coplas. Despois volvían a cantarllo aos informantes para asegurarse de que estaba todo escrupulosamente como llo transmitiran.

—Segue a ser feble hoxe?

—Así é. Ese patrimonio inmaterial é tan influenciable e perecedoiro que por iso é tan necesario poñer os pes na terra e que esteamos uns cantos aí vixiantes.

—Esa foto fixa que documentaron en Cántigas foi no pasado, pero cómo se poden revitalizar as corais no século XXI?

—É complexo. A entidade segue a ter un peso importante de xente maior, porque é a que ten mais tempo.

—É difícil que a xuventude se achegue a entidades como esta?

—Tratamos de revitalizar as nosas aulas, que son a canteira do mañá. Queremos que os novos rapaces empecen a querer e a gustarlles todo isto. Cada vez que un centro educativo solicita a nosa colaboración aí estamos nós, para amosar o que facemos. A riqueza do patrimonio musical galego é brutal.

—Cáptase a emoción do público dende o escenario?

—Moitas veces. Temos vivido momentos moi emotivos. Por exemplo, cando unha muller con alzhéimer, que practicamente non se comunicaba con ninguén, ao empezarmos a actuar, de repente facía que tocaba a pandeira e cantaba. Esa memoria colectiva que temos está aí.

—Aferrados a nosa cultura.

—Nós, cunha pandeira e unha gaita, montamos unha festa que pode durar horas!

 

«Os nosos directores ían falar coas mulleres á Praza da Leña e recollían esa tradición oral»

Eladio Rodríguez foi o primeiro presidente de Cántigas da Terra no ano 1917, xunto a unha saga de fundadores vinculados ás Irmandades da Fala. Logo virían Antón Vilar Ponte, Bugallal Marchesi, Pérez-Cepeda e un largo etcétera de presidentes históricos, pero ningún con nome de muller. Houbo que agardar ata este 2023 para que o multipremiado e emblemático coro coruñés contase coa primeira muller presidenta. Nada en Asturias, pero con pai de Ourense, Laura Veleiro (Xixón, 1970) síntese moi galega e moi coruñesa, cidade na que reside dende 1995. Profesora na Fundación educativa José Gras de Oleiros, tamén é escritora e ilustradora.

—Así que no mundo da cultura tamén hai teitos de cristal.

—As mulleres sempre estiveron cantando e bailando, pero ás veces os que se levaban o mérito eran os homes. Nas recollidas que facíamos a principios do século vinte, cando non había nin magnetófonos nin radios, os nosos directores ían falar coas mulleres á Praza da Leña. Elas lles cantaban a música e eles tomaban nota das coplas. Houbo moitos informantes masculinos tamén, non só mulleres, dos que tampouco se sabe nada.

—O que si sábese é quen fai a anotación musical, non?

—Si, o que nos quedou é o nome da persoa que recollía esa tradición oral. Eran homes polo contexto sociocultural da época e tiveron a sensibilidade de saber que todo aquilo era moi fráxil e que había que documentalo.

—E iso ten o seu valor.

—Son cousas que saben moi profundas, cunha raíz galega tremenda. Na era da globalización, agora mesmo se mestura todo e está moi ben. Pero se queres recuperar a esencia, a lo menos queda isto. Ese é o valor que ten.


Comentar