«Na música mundial faltan textos»
Sada
Esta filóloga de letras reivindicativas e que enche recintos cun discurso sempre comprometido actuará na véspera do 17 de maio en Sada
12 May 2019. Actualizado a las 05:00 h.
Sés (A Coruña, 1982) canta verdades e a súa música contestataria e sentimental, á vez, arrastra unha morea de seguidores. Esta proletaria en música galega, como resume nas redes a súa profesión, non esquiva ningún tema. Xirando con Rabia ao silencio, un disco de versións, no que di que non é «a protagonista, senón transmisora», e co que defende a capacidade de traer a nosa lingua textos de fóra, prepara xa novo traballo discográfico para o 2020.
-Xa que chega a Sada na programación do 17 de maio, como ve a lingua?
-Está morrendo. Unha lingua que non falan os nenos é unha lingua que ten unha data de pasamento moi próxima, probablemente non chegue ao século XXII. Dígoo como persoa que estudou iso, como filóloga. Calcúlase que morren 14 linguas ao ano e morren se non se usan e o galego é unha lingua que cada vez falan menos nenos.
-Non houbo tempos peores?
-A nivel lingüístico non. Pasou de ser falado polo 85 % hai 40 ou 50 anos a que as enquisas digan que só o 18 ou 19 % dos nenos o falan. Cando estivo peor? Unha lingua está ben cando se fala, é moi simple.
-Falla apolítica, a educación?
-O auto odio imposto perpetuado polo Goberno. A diferenza entre Euskadi e Cataluña é a política.
-Ve algunha evolución a mellor na música en galego?
-Non me gustan os localismos, creo que adoece do mesmo que a música universal, que é unha pauperización dos textos, un empobrecemento dos contidos e unha dificultade moi grande de persoas que conten cousas, que teñan unha pluma persoal. Temos unha música tradicional moi potente, a xente como Xabier Díaz ou Tanxugueiras que están enchendo campos da festa e teatro, pero o que é a canción de autor, hai un empobrecemento, pero non en Galiza, senón no mundo.
-Falta de ideas?
-Por unha tendencia a homoxeneización, por desinterese por dicir cousas. Hai unha tendencia á pose, pero pasa en toda a produción mundial musical. Teño 36 anos e cando tiña 15 petaba no Estado español Ela baila sola, Roxana, Shakira en español, no mundo estaba Alanis Morissette, los Cranberries... mulleres que ían vestidas coa súa guitarra e cantaban cancións, que che podían gustar máis ou menos como escribían, pero escribían e agora a mesma persoa que estaba con 18 anos facendo cancións con vaqueiros está nunha gaiola ouveando cunhas mallas transparentes, isto é unha realidade. Hai 20 anos era fácil dicir 20 homes e mulleres que se sentasen cunha guitarra a cantar e hoxe levaríache tres horas pensalos. Iso é un dato, non unha opinión. Eu busco e busco e o último autor que me fascinou foi hai dous anos, Chinoy, ou Nano Stern, a escena chilena é potente a ese nivel. O primeiro que se me ven á cabeza na música mundial é que faltan textos, fáltanme cancións que digan cousas, porque eu son unha consumidora diso. Hoxe en día funciona moi ben o homoxéneo, a min cústame moito diferenciar uns doutros, pero arrasan. Son maior e eses códigos non os entendo. Os nosos país non entenderon os nosos, é unha cuestión xeracional. Por exemplo para min, Rosalía é un cerebro xenial, que vai dar moito que falar e que se fose un pibe sería mil veces máis aplaudida. É unha xeración que nos pasan a nivel de forma, porque dominan a tecnoloxía, fan cun móbil o que non facemos cun estudio de gravación, pero a nivel de contido estamos no punto do efémero, nun momento de grandísimo retroceso en liberdade de expresión e a xente tampouco quere falar demasiado.
-E vostede no seguinte de que vai falar?
-Do mesmo de sempre.