La Voz de Galicia

A obra «Nada se Sabe», con actores con discapacidade, chega este domingo ao Teatro Colón

Vivir A Coruña

La Voz
A obra «Nada se sabe» chega este domingo ao Teatro ColónA obra «Nada se sabe» chega este domingo ao Teatro Colón

A entrada será gratuíta e non se precisa reserva previa. E unha das actividades do Festigual 2024 

16 Nov 2024. Actualizado a las 11:26 h.

O Festigual 2024 continúa a súa programación con Nada se Sabe, unha obra teatral que combina historia e comedia para reflexionar sobre a exclusión e a discapacidade. Esta produción, froito da colaboración entre o Centro Dramático Galego e Culturactiva Producións, poderá disfrutarse o vindeiro domingo, 17 de novembro, ás 19.00 horas no Teatro Colón da Coruña. A entrada será gratuíta e non se precisa reserva previa.

O espectáculo, que destaca pola súa aposta integradora, reúne un elenco formado por actores e actrices con discapacidade, demostrando un talento sen etiquetas. Baseada en textos como Filoctetes de Sófocles, adaptado por Manuel Lourenzo, e os escritos do filósofo tudense Francisco Sánchez, Nada se Sabe aborda con valentía os prexuízos e as barreiras que marcan as diferenzas sociais. A obra explora como as persoas apartadas poden ser clave para grandes cambios, ofrecendo ao público unha experiencia teatral que é, ao mesmo tempo, un reto e unha reflexión.

Como parte do compromiso de accesibilidade do Festigual, ofrecerase un paseo táctil previo á representación para persoas cegas, ademais de audiodescrición dispoñible baixo reserva na páxuna do festival. O espectáculo tamén inclúe tradución en lingua de signos galega, consolidando así o seu carácter inclusivo.

Programación do Festigual

O Festigual, o Festival das Artes Inclusivas organizado pola Fundación Emalcsa e o Concello da Coruña, cumpre oito anos rompendo barreiras no acceso e creación cultural. A súa programación, diversa e accesible, procura ampliar horizontes a través da arte, creando espazos nos que todas as persoas poidan participar e disfrutar.


Comentar