La Voz de Galicia

O Festival de Cans incorpora a Kiko Veneno ao seu programa musical e premiará a Xavier Villaverde

Cultura

Camilo Franco

20 May 2009. Actualizado a las 15:27 h.

Cans é a un tempo «un festival de cine, un festival de música e unha festa popular». Ese é o carácter que, segundo o seu director, Alfonso Pato, debe manter un festival feito de veciños, galpóns, chimpíns, curtametraxes, concertos, leiras e madrugadas longas. Un festival que comeza hoxe coa festa dedicada aos paisanos de Cans, unha aldea pola que nunca atravesou Almodóvar.

Alfonso Pato asegura que o festival deste ano tamén está algo atado ás circunstancias, que no sentido audiovisual son dúas: «malos tempos económicos e un cambio de administración que sempre retrasa as xestións». O director cre que a incertidume resta capacidade financeira ao festival, pero non atractivo.

No musical, Pancho Álvarez presenta Sólidos Galicianos na xornada de hoxe, retransmitido pola rede por Pai Música. O venres haberá programa dobre co debut de Teté Delgado como rocabilly apaixonada e a actuación de Kiko Veneno no remate da noite no espazo do Torreiro. Para o sábado, a cara musical reserva algúns asuntos con marcha popular. A Tuna Rastafari en horario de tarde e Lamatumbá despois do seu paso polos Mestre Mateo e a súa xira catalá.

No cinematográfico, ademais das pezas a concurso, algunhas novidades. A primeira delas, e segundo Alfonso Pato moi singular, é a sección Fillos de cans, un espazo do programa no que autores que estiveron en anteriores edicións do festival como curtametraxistas presentan obras longas e traballos novos. Unha sección que, segundo o director, «demostra que o festival cumpre ben co cometido de dar xente a coñecer». Entre os directores presentes: Jorge Coira, Mario Iglesias, Quique Otero, Fernando Cortizo e Pablo Iglesias.

No programa de cine, dous protagonismos, un duplicado para Alfonso Zarauza, que vai exhibir A noite que deixou de chover, premiada nos Mestre Mateo pero aínda sen estrear, e tamén por ser director dunha nova seria de TVG que dará os seus primeiros pasos no festival, Última hora. Manuel Martín Cuenca será o convidado para as conversas na leira e Xavier Villaverde recibirá o premio Pedigrí.

Tamén haberá novidades organizativas nesta edición. Será o primeiro ano con patrocinio privado coa participación de Estrella Galicia, tamén será a primeira vez que colaboren voluntarios de audiovisuais da Universidade de Vigo e, tendo en conta como se pon a estrada que atravesa Cans cando os galpóns rebordan, será a primeira vez que se corte o tráfico.


Comentar