La Voz de Galicia

Breve historia dunha viaxe a unha realidade afastada e próxima

Cultura

Francisco X. Fernández Naval

Decenas de poetas de todo o mundo reúnense cada ano na cidade mexicana de Zamora de Michoacán e fan pensar que outro mundo mellor é posible

29 Jun 2010. Actualizado a las 11:05 h.

Dende hai catorce anos, Zamora de Michoacán, en México, convértese no epicentro de algo absolutamente marabilloso. O encontro de decenas de poetas de máis dunha ducia de países, as súas voces e os seus versos, fan pensar que outro mundo é posible, que as palabras aínda teñen un valor orixinal e humano, que hai forzas invisibles cunha capacidade de transformación insospeitada, pero certa. Roberto Resendiz Carmona, que fai real esta miraxe, fala de encontro de poetas, non de poesía, xa que para el, a forza está nas persoas e a poesía, como elemento transformador, é consecuencia do traballo, creatividade e corazón do poeta, ese ser que nunca calará aínda que o linchen, di el, habitante dun estado tantas veces convulsionado pola violencia. Alí coincidimos con José Ramón Fernández Morgade e con José Antonio Santos Guede, do círculo poético ourensán, e con Fernando Luís Pérez Poza, director da editorial El taller del Poeta, de Pontevedra. Presentan eles un libro titulado: Mundos por descubrir -poesía de Galicia y México, editado por Fernando, no que as voces de José Ramón e de José Antonio harmonizan coas de Roberto Resendiz e Olimpia Badillo Iracheta. Buscando un destino Para nós, México resulta un país próximo e afastado ao tempo. A música e o cine fixeron que todos levemos dentro algo del. Na capital, no D.?F. como lle din alí, hai un centro galego con máis de 5.000 socios familiares, propietario dun edificio fermoso no centro da colonia Roma e de instalacións recreativas fóra da cidade. Emigración e exilio tamén aquí buscaron un destino. Hoxe, como o resto dos países hispanoamericanos, México celebra os douscentos anos da independencia e, no seu caso, o centenario da revolución. No colexio de San Ildefonso, fermoso edificio transformado en centro cultural con murais de Orozco, unha exposición analiza a relación do cine coa revolución. É unha mostra singular, ben deseñada, con moita información, na que Galicia ten presenza propia a través da figura de Carlos Velo, director da película Pedro Páramo, cuxo cartel anunciador xa vemos exposto na primeira sala. Na libraría El Péndulo da colonia Rosada, recitamos versos en compañía doutros poetas tamén participantes no encontro zamorano. Resoa nese ámbito o galego e, sobre todo, os versos de Luísa Villalta, a quen rendemos homenaxe e con quen proclamamos que «a amizade ten flor que rebenta nas paredes». Ábrenos a porta da súa casa Elena Poniatowska, quen recibira o pasado ano o premio de Escritora Galega Universal, que cada ano concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Con ela falamos de Compostela e de Fisterra, de José Saramago. Será ela quen nos informe da longa e penosa enfermidade de Carlos Monsiváis, o amigo, o irmán entrañable. Será ela quen primeiro se presentará na capela ardente do cronista de México, que falecerá ao día seguinte do noso encontro, e será ela quen fará a primeira quenda de loito e de dor na capela ardente instalada no Centro de Bellas Artes. Sentados no salón da súa casa, vemos como entran e saen do xardín os colibrís, un mundo de brillos semellante a esa manta coas cores do arco da vella que o músico Horacio Franco depositou sobre o cadaleito do escritor.
Comentar