Antón Patiño revisa a vida e a obra de Lois Pereiro dende «unha porta xiratoria»
Cultura
17 Dec 2010. Actualizado a las 02:34 h.
Antón Patiño presentou en Compostela o primeiro dos libros aparecidos sobre a figura e a obra de Lois Pereiro, protagonista do Día das Letras Galegas no 2011. Patiño explicou que Radiografía do abismo era un libro no que con «transversalidade se estudaban dende distintos puntos de vista a vida e a obra de Pereiro». O pintor e escritor sinalou que o volume pretendía ser «como unha porta xiratoria dende a que acceder ás distintas perspectivas de Lois».
Patiño asegurou na presentación do libro, na que participaron Xosé Manuel Pereiro, irmán do poeta, e o editor Miguel Anxo Fernán Vello, que había moitas maneiras de mirar a obra de Lois Pereiro: «Dende a vida, dende a música, dende as viaxes, dende os lugares nos que habitou». Por este motivo, explica Patiño que escolleu «unha ollada transversal na que se van contando circunstancias da vida e da obra case en paralelo, pero cada unha delas dende a perspectiva particular».
Antón Patiño asegurou que Pereiro podía lerse como un «poeta dos oitenta, con ese peso romántico e cultural, e por iso no libro ademais de estudalo a el tamén hai unha paisaxe de fondo que ten que ver coa súa xeración e coas novidades que asumiron nunha Galicia en transformación». Esta é a primeira das obras que Patiño publicará sobre o escritor. En febreiro, e tamén con Espiral Maior, publicará Dicionario de sombras, libro no que sistematizará as características da obra do poeta.