«Paz-Andrade mirou con atención á lusofonía»
Cultura
Tucho Calvo vén de reeditar o seu libro «Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX», personaxe que o vindeiro ano protagonizará o Día das Letras Galegas.
26 Nov 2011. Actualizado a las 06:00 h.
O xornalista e editor Tucho Calvo vén de reeditar o seu libro Valentín Paz-Andrade. A memoria do século XX (Editorial Biblos), personaxe que o vindeiro ano protagonizará o Día das Letras Galegas.
-¿É unha versión ampliada?
-As novidades céntranse na transición, unha parte que non cheguei a traballar con el porque é un libro de respostas escritas e revisadas por el; unha autobiografía na que eu aparezo como un xornalista que fai preguntas e guía o libro. Antes de morrer, dedicouse a ultimar outros libros. Eu suplín o baleiro coas conversas que lle gravara. Desas gravacións sae esta ampliación.
-¿É o personaxe máis singular do século XX galego?
-Si, creo que o acerto de dedicarlle o Día das Letras Galegas está en que se homenaxea a un personaxe que é admirable por moitos sectores. Non destacaba só nun determinado ámbito cultural, senón que é o home no que pode verse reflectida a mellor sociedade galega. Desde os avogados, os empresarios máis emprendedores, aqueles que ven Galicia situada no mundo... Tamén é o político que loitou permanentemente polo país.
-¿Era nacionalista?
-Cando falo deste libro, sempre digo que non son o seu biógrafo nin un investigador que analizase a súa vida. Eu son un xornalista que redactou a súa biografía. Dito isto, creo que é un galeguista nacionalista, un home que pensa en Galicia como un lugar situado nun contexto mundial.
-¿É importante a súa obra literaria?
-É unha ocasión magnífica para que os especialistas a estuden e a valoren. Creo que ten achegas moi interesantes porque sempre mirou con atención o que pasaba no resto dos países lusófonos porque pensaba que nese mundo tiña que estar incardinado o galego.
tucho calvo xornalista, escritor e editor