O Centro PEN Galicia recoñece a defensa da liberdade de María Xosé Queizán
Cultura
A autora recolleu o galardón nun acto emotivo que se celebrou en Santiago
27 Nov 2011. Actualizado a las 06:00 h.
«Pola súa traxectoria independente e firme, tanto na defensa da liberdade de expresión coma na dos dereitos das mulleres desde a década dos sesenta ata a actualidade». Este é só un dos moitos méritos que destacou o xurado para conceder a María Xosé Queizán o premio Voz de Liberdade 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia, que preside Luís González Tosar.
A autora recolleu o galardón nun acto emotivo que se celebrou en Santiago, e no que foi Marilar Aleixandre a encargada de facer a laudatio. «Muller comprometida, capaz de levarlle a contraria ás vacas sagradas de Galicia, María Xosé Queizán celebra a pluralidade da palabra das mulleres. A súa obra é un exercicio de liberdade, de transgresión», dixo Aleixandre.
A galardoada recolleu a peza feita para a ocasión por Xosé Fiz e dixo que a busca da liberdade «foi o Leitmotiv» na súa vida e na súa obra. A escritora de Vigo explicou que o gozo da escrita libre e comprometida «é un dos máis grandes praceres, pero non podo escribir cunha lousa enriba».
Tivo tamén palabras de recordo para o escritor catalán Josep María Palau i Camps, que tomou como punto de partida da súa novela Un cadáver desconcertante a obra A semellanza, de María Xosé Queizán, produto dunha sorte de desafío entre os dous.
Berta Dávila, Inma López Silva e Camiño Noia foron as encargadas de ler textos da homenaxeada no salón da Fundación Novacaixagalicia de Santiago.