Víctor Freixanes, premiado co Rosa dos Ventos polos alumnos dun instituto de Bos Aires
Cultura
O galardón homenaxea a quen achega a cultura galega nas dúas beiras do Atlántico
19 Apr 2012. Actualizado a las 07:00 h.
Os alumnos de quinto curso de bacharelato do instituto Santiago Apóstol de Bos Aires puxeron en marcha este ano un premio de carácter anual que homenaxea a quen se distinga para achegar a cultura galega nas dúas beiras do Atlántico. Este ano os alumnos de máis idade do centro educativo da capital arxentina escolleron a Víctor Freixanes como primeiro merecedor deste galardón.
As razóns do premio, que será entregado hoxe nas instalacións do Centro Galicia, foron xustificadas polos estudantes co argumento de que Freixanes é «un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico a prol da cultura galega». Lembraron as veces que o escritor participou en actividades da comunidade escolar «apoiando os traballos do centro educativo» e introducindo na súa realidade «a importantes figuras académicas e políticas da cultura» galega.
Galaxia na feira do libro
Ademais de recoller o premio outorgado polos alumnos do Santiago Apóstol, un instituto que se denomina galego-arxentino, Víctor Freixanes participa como director de Galaxia na Feria del Libro de Bos Aires, que comezou o pasado luns.
Por primeira vez, unha editorial galega representa ao sector español nas mesas de debate. Neste caso, Freixanes participará nunha mesa redonda baixo o título La experiencia de los protagonistas, dedicada ás novas tendencias da industria editorial. Xunto ao escritor e editor galego participan nesa mesma mesa redonda Karina Grasccarolli, da editorial arxentina Comunicarte; Pablo Braun, da tamén arxentina Eterna Cadencia, e Cristina Mosca, da editorial uruguaia Booksahop, moderados polo profesor José del Río.
Galaxia está traballando nunha plataforma dixital para a edición e a cultura galega en colaboración coa Universidade da Coruña, e que ten previsto distribuír de xeito universal todo tipo de produtos culturais galegos.