Pinto & Chinto propoñen unha versión humorística e libre das viaxes de Gulliver
Cultura
É a primeira colaboración de David Pintor e Carlos López co selo galego Bulubú, especializado en álbum ilustrado
11 Dec 2012. Actualizado a las 13:30 h.
As viaxes de Gulliver, publicado en 1726, é un clásico da literatura que baixo a aparencia do exotismo e o humor, contiña unha sátira da sociedade do seu tempo por parte do seu autor, o irlandés Jonathan Swift. Pinto & Chinto tamén retratan con ironía o seu tempo nas páxinas de La Voz e agora tamén veñen de facer a súa propia versión libre do personaxe de Swift en As estrambóticas viaxes de Gulliver (Bululú). David Pintor e Carlos López colleron o «miolo» da historia para «divagar, sempre co humor como norte», en palabras de López. «A nosa é unha versión humorística, disparatada, como xa queda claro no título, na que buscamos un sorriso do lector», engade o autor.
Para Pinto & Chinto, a de Gulliver segue a ser unha historia con moito atractivo para o lector actual, xa que «permite unha segunda interpretación, unha metáfora do ser humano». «Máis alá de ananos e xigantes, o personaxe ten unha estatura moral», compara Carlos López.
Esta é a primeira colaboración de Pinto & Chinto con Bululú, un novo selo galego especializado en álbum ilustrado que botou a andar hai escasas semanas. López non descarta no futuro máis libros nunha liña semellante, retomando a historia de Robinson Crusoe, por poñer un exemplo: «Si, estaría moi ben, por que non. É moi divertido e nos gusta moito facelo».