La Voz de Galicia

Ferrín chama á sociedade civil a apoiar á Real Academia Galega

Cultura

Luís Pousa A Coruña, Santiago / La Voz
Jorge Parga e Xosé Luís Méndez Ferrín, onte, na Academia.

AGE pide á Xunta «o compromiso dun financiamento plurianual»

11 Jan 2013. Actualizado a las 07:00 h.

O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, fixo onte un chamamento á sociedade civil para que apoie á RAG e compense así a asignación «absolutamente insuficiente» que esta recibe da Xunta e do Goberno central. Sobre a creación dunha asociación protectora da RAG, similar á Fundación Pro Real Academia Española que ten a RAE, Ferrín subliñou que a iniciativa non pode partir da propia Academia Galega: «Ten que ser a sociedade civil, e non necesariamente os ricos, poden ser os traballadores, os sindicatos, as asociacións culturais e, por suposto, benvidos sexan os ricos a ese futuro club se é que se fai».

O presidente lembrou que a RAG xa conta coa «protección» da Fundación Barrié e de varias empresas que colaboran regularmente coa institución.

Ferrín fixo estas declaracións tras recibir onte, na sede da RAG, a doazón por parte de Jorge Parga Peinador -fillo de Isidro Parga Pondal- dun mecanoscrito orixinal do poemario A rosa de cen follas de Ramón Cabanillas, cunha dedicatoria ao seu avó Enrique Peinador.

Pola súa banda, o grupo parlamentario Alternativa Galega de Esquerda (AGE) presentou no Parlamento de Galicia unha moción para mellorar as condicións de financiamento da RAG.

A moción, firmada por Yolanda Díaz e Xabier Ron, pide que a Xunta dispense á Academia Galega o mesmo trato que reciben as institucións homólogas das «restantes nacións do Estado». Tamén solicita que a Xunta compense «a redución do orzamento estatal cunha cantidade equivalente que permita o desenvolvemento do conxunto de actuacións» da RAG.

A moción propón ademais que a Xunta adquira «o compromiso dun financiamento plurianual para a estabilidade e garantía de continuidade» dos cometidos e do cadro de persoal.


Comentar