O CDG rende homenaxe a Vidal Bolaño no seu ano
Cultura
O centro estrea «Días sen gloria» e coproduce outras tres obras coas compañías que marcaron a vida do dramaturgo
12 Feb 2013. Actualizado a las 07:00 h.
O Día das Letras Galegas rende este ano homenaxe a un grande do teatro, e o Centro Dramático Galego dedícalle todos os seus espectáculos. No ano de Roberto Vidal Bolaño o CDG produce Días sen gloria baixo a dirección de Fefa Noia, que ademais será a primeira muller en levar a escena un texto de Bolaño. Santiago acollerá o 5 de abril a estrea desta obra que estará de xira por doce prazas galegas ata finais de xuño e mesmo chegará a Portugal.
Manuel Guede, director de CDG, e a propia directora, Fefa Noia, presentaron todos os traballos que poderán verse este ano con motivo da homenaxe do 17 de maio. Para iso, farase un percorrido profesional «por todas as estadías que afrontou Vidal Bolaño», asegurou o propio Guede, o que inclúe colaborar coas compañías de teatro que creou o autor compostelán. Así, o 12 de maio chega á Coruña Bailadelas-Seis mulleres bolañesas, en coprodución con Teatro Antroido, compañía coa que Roberto Vidal puxo en marcha o teatro profesional en 1978 xunto con Laura Ponte. Será a propia Ponte a que defenda este espectáculo, que dirixirá o fillo de ambos, Roi Vidal, xunto con Xavier Estévez.
O 19 de abril Narón acolle a estrea doutra coprodución, Criaturas, neste caso co Teatro do Aquí, a última compañía do que o autor foi responsable e fundou con Belén Quintáns. Finalmente a principios de outubro chegará, en colaboración co Teatro do Noroeste e a Escola de Arte Dramático, Touporroutou da lúa e do sol, un espectáculo infantil.
Outras actividades do CDG neste ano de Vidal Bolaño serán os traballos escénicos coas aulas de teatro universitarias, a proxección audiovisual de distintas obras de teatro do autor ou o premio Vidal Bolaño ao espectador, un galardón que se creou no 2012 para reivindicar ao autor, sempre preocupado polas políticas de fidelización do público dos teatros.