La Voz de Galicia

«O ILG e o Consello da Cultura queren colonizar a Academia»

Cultura

luís pousa A Coruña / la voz Secretario da Real Academia Galega

Atribúe as críticas ao intento destas institucións de controlar a RAG

25 Feb 2013. Actualizado a las 11:50 h.

O secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos (Rianxo, 1945), analiza o labor da actual executiva, que remata o seu mandato en xaneiro do 2014, e as últimas polémicas nas que se viu envolta a corporación.

-¿Que balance fai destes primeiros tres anos de traballo da actual executiva?

-A Academia está viva e está vivindo o momento máis importante da súa historia. Iso é un dato obxectivo. Está vivindo o momento máis brillante, máis activo e de presenza social máis importante da súa historia, sen dúbida ningunha.

-Pero xa estamos de novo co xogo das cadeiras...

-En todo este tipo de institucións en toda Europa hai unha cousa que é evidente: desde que existen as cadeiras hai xogos de cadeiras. E hai un deporte nacional que é amar odiando á Academia.

-¿Como é iso?

-Pois din que é obsoleta, machista, inútil... Pero entón ¿por que esperta tantas paixóns? Nunca a Academia, en 106 anos, espertou as paixóns que está espertando agora.

-¿Por que o di?

-Eu coñezo moi ben a historia da Academia e ao longo da súa historia ocorreu un problema moi grave: hai determinadas institucións culturais de gran potencia que a ocupan e a colonizan. Pasou coas Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegos, que entraron masivamente na Academia. Pasou con Galaxia, que secuestrou a Academia durante gran parte da posguerra. E pasa agora mesmo coa Universidade de Santiago, co ILG. Hai tres universidades en Galicia, pero a única representada é a de Santiago. Hai un desequilibrio evidente.

-Pero tamén hai un sector crítico interno, ¿non?

-A colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva.

-¿A institución afín é o Consello da Cultura Galega?

-Si, si, é o Consello, si... E unha proba do que digo é que, no proceso sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG e o Consello da Cultura, segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda.

-Como secretario, vostede é o xefe de persoal da Academia Galega. ¿Que ten que dicir das acusacións de enchufismo de familiares de directivos na RAG?

-O único que esta executiva non modificou nin unha liña foi a política de persoal da Academia. Cando chegamos aquí había 28 traballadores. Déronse de baixa dous por razóns persoais, e nós contratamos a catro para a conserxería da Academia, o museo, e un chofer a media xornada. A maiores disto hai colaboracións externas para traballos concretos, como é a actual revisión do nomenclátor que nos encargou a Xunta. Cando puxemos en marcha a páxina web tivemos que contratar a unha persoa cun perfil moi concreto, e nese contexto entra a filla do presidente, que era a persoa axeitada e que, por certo, xa non traballa aquí desde o 1 de xaneiro.

-¿O seu fillo traballa no arquivo da Academia?

-A contratación do meu fillo foi antes de que eu tivera nada que ver coa Academia. Eu son académico desde o 2004 e el está na Academia desde o 2000... Se coñecemos a alguén cun perfil axeitado para un posto, o contratamos, e se non, vamos ao mercado. O 90 % do persoal que traballa na Academia estaba contratado antes de que entrara a actual executiva no 2010.

-¿Tamén traballa na RAG a parella da filla do presidente?

-El xa estaba aquí antes de que entrara a actual directiva. Se un traballador ten unha relación con determinada persoa... Eu son o xefe de persoal, pero non son a Celestina. Eu non vou andar detrás da xente a ver quen anda con quen.

-¿Canto gasta a RAG en persoal?

-O ano pasado os gastos de persoal foron de 724.000 euros dun presuposto de 1.258.000. O presuposto de persoal para este ano é de 686.000 euros, e supón arredor do 80 % do orzamento total, que non chega a 900.000 euros. A maioría dos traballadores non chegan nin a mil euros netos ao mes.

-¿Cobran salario da Academia os membros da executiva?

-A executiva non cobra. Os membros da executiva cobran só dietas. Se temos unha reunión e veñen tres persoas de Santiago, cobran unha dieta de cen euros. Cando son plenarios e algún académico ven de Vigo pode cobrar 130 euros, non máis. Aos que estamos aquí habitualmente nos costa cartos traballar para a Academia.

-¿O presidente e o secretario teñen salario da Academia?

-Non temos salario da Academia.

-¿Dispoñen dun Audi como coche oficial da institución?

-O coche é da Consellería de Presidencia, que nos cedeu o seu uso mediante un convenio que nos aforra moitos cartos que antes gastabamos en taxis. Pero o coche, ademais, non é para uso exclusivo do presidente, senón que o utiliza calquera académico que o necesite para os desprazamentos en representación da Academia. Para iso contratamos a un chofer a media xornada e pagamos os gastos de mantemento.

«Queren que retiremos o recurso do galego, pero a Academia non está en venda»

«A contratación do meu fillo foi antes de que eu tivera nada que ver coa Academia»


Comentar