La Voz de Galicia

Fendas no epicentro da cultura

Cultura

Luís Pousa Redacción / La Voz

O abandono prodúcese en medio de tensións internas por controlar a RAG

27 Feb 2013. Actualizado a las 14:31 h.

A dimisión de Xosé Luís Méndez Ferrín vén de provocar un auténtico terremoto no número 11 da coruñesa rúa Tabernas, epicentro da cultura galega. Estas son algunhas das claves do xogo das cadeiras na Academia.

¿En que consiste a renuncia de Ferrín?

Cando aínda lle faltaban un ano de mandato Méndez Ferrín dimite como presidente e mesmo como académico numerario da RAG, un feito con contados precedentes e que non se producía na rúa Tabernas desde a renuncia de Jenaro Marinhas en 1990 que, logo de doce anos na Academia, e como firme defensor do reintegracionismo, decidira abandonala como protesta contra a súa política normativa.

¿Como se produciu a dimisión?

O correo electrónico no que comunicaba oficialmente á executiva e aos académicos a súa renuncia foi remitido onte, pero a decisión xa estaba tomada desde a semana pasada aínda que só os máis próximos a coñecían e Ferrín preferiu agardar a que pasasen os actos dedicados a Rosalía o domingo 24. A renuncia xa está cursada oficialmente na Academia, pero non será efectiva ata que sexa comunicada no próximo plenario, ao que están convocados os 27 membros de número da RAG. A partir dese momento, o secretario, Xosé Luís Axeitos asumirá a presidencia en funcións ata que se celebre o plenario no que se elixirá o presidente número 14 da institución.

¿Que movementos internos hai detrás?

A saída do actual presidente da Academia prodúcese nun contexto de fortes divisións internas a causa das acusacións, por parte dun grupo de académicos, arredor da contratación na RAG da filla de Ferrín, da parella de esta e do fillo do secretario, Xosé Luís Axeitos. Este grupo crítico tamén pediu no último plenario, celebrado a mediados de xaneiro, que se amosasen as contas detalladas do 2012, que nun principio ían ser analizadas e, no seu caso, aprobadas no vindeiro plenario. Unha proba dese tensión interna foi a votación que se produciu na mesma reunión para elixir unha nova académica, cadeira á que aspiraban Chus Pato e Fina Casalderrey. A votación acabou decantándose por Casalderrey, fronte á candidatura de Chus Pato, poeta moi próxima a Ferrín que quedou ás portas do 11 da rúa Tabernas.

¿Cales son as presións externas ás que aludía Ferrín na súa carta?

Na súa carta de despedida, Ferrín aludía a «persoas externas» que uniran as súas forzas a un grupo de académicos para provocar o seu abandono. Aínda que o presidente da RAG non explicitou en ningún momento a quen se refería, na entrevista publicado o luns por La Voz de Galicia, a súa man dereita, Xosé Luís Axeitos, apuntaba directamente ao Consello da Cultura Galega e ao Instituto da Lingua Galega, aos que acusaba de «querer colonizar a Academia»: «A colonización que unha institución, axudada por algunha outra afín, está facendo da Academia. Esa é a causa de certas críticas á actual directiva».

¿Que papel xogou o recurso contra o decreto do plurilingüísmo?

Aínda que tanto Ferrín como Feijoo sempre subliñaron a «lealdade institucional» que marcou as relacións entre a Xunta e a Academia, a presentación por parte da RAG dun recurso contra o decreto do plurilingüísmo estableceu certas distancias coa Consellería de Cultura e Educación, departamento que tamén ten sido o interlocutor directo na cuestión do financiamento da institución. A postura da Academia tamén marcou diferenzas neste terreo co Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura, que non o recorreron, fronte a firme estratexia da RAG de presentar o recurso ante o que consideraba un ataque ao idioma.

¿Como influiu a postura política de Ferrín?

Desde que asumiu a presidencia da Academia, Ferrín deixou nun segundo plano a súa actividade política como fundador e militante da FPG, pero nas últimas eleccións autonómicas amosou o seu apoio expreso á Anova de Xosé Manuel Beiras, o que reavivou certas críticas desde sectores do Bloque. A súa oposición frontal ás teses do piñeirismo, das que se declaran herdeiros destacados membros da Academia, nunca foi ben aceptada en determinados estamentos da cultura galega.

¿En que situación queda agora a institución?

Aínda que os académicos consultados non queren falar de fractura ou división na corporación, o certo é que a renuncia de Ferrín e o contido da súa carta de despedida sacan á luz un contexto de tensións internas que tamén subliñou o secretario da RAG na súa entrevista en La Voz. O principal obxectivo do futuro presidente será restaurar esa fractura e reconducir a situación para obter unha unidade mínima que garanta o funcionamento interno da Academia Galega.


Comentar