La Voz de Galicia

Manuel Rivas: «Teño que repensar se quero continuar na Academia nesta situación»

Cultura

Escritor e académico

27 Feb 2013. Actualizado a las 11:08 h.

Para Manuel Rivas a situación da Real Academia Galega trala dimisión de Ferrín «é catastrófica». O escritor asegura que no «contexto actual teño que repensar se quero seguir na Academia nesta situación».

«A circunstancia actual da institución non é a mesma que cando eu entrei e este cambio obrígame a repensar se debo ou non permanecer como académico», apunta Rivas.

O escritor considera, «aínda que sexa algo inxenuo», que debe quedar algunha esperanza para resolver a situación porque, declara, «eu pediría que Ferrín agotase o seu actual mandato». Rivas asegura sentirse incómodo «con algunhas acusacións vertidas desde o anonimato por académicos» e pide que se abandonde o «cainismo que tantos estragos causa no país para adoptar isto que antes se chamaba altura de miras».

O escritor tamén considera que hai unha «considerable desproporción entre as cuestións que son motivo de polémica e as repercusións das mesmas». Rivas lembra que non sucedeu «nada ilegal» e que pode ser «necesario que a Academia poña en marcha un regulamento para establecer contratacións públicas». Igual que outros consultados, o escritor sinala que a valoración do presidente e da súa xestión «é globalmente boa e esta circunstancia aínda fai máis difícil entender por que a situación acaba en dimisión». Na opinción de Rivas «a situación debería reconducirse desde unha confianza básica, desde unha certa unidade que pense no país e que abandone comportamentos cainitas que non benefician á cultura galega nun momento moi grave para a mesma».

Desde a perspectiva do novelista e poeta é necesario recompoñer a situación e considera necesario que todo o mundo recapitule e que Ferrín «poida acabar o seu mandato polo ben da institución e do país». Rivas entende que esta sería unha circunstancia positiva, pero advirte que noutro caso «a situación da Academia será tan diferente que teño que pensar se quero seguir ou non nela».


Comentar