La Voz de Galicia

O ILG afirma que non «orientou nin condicionou» as decisións da Academia

Cultura

La Voz

O instituto emitiu un comunicado para respostar ás declaracións de Xosé Luis Axeitos

28 Feb 2013. Actualizado a las 18:33 h.

O Instituto da Lingua Galega respostou hoxe ás verbas do Secretario da Real Academia Galega, Xosé Luis Axeitos, na entrevista publicada o día 25 por La Voz de Galicia. O Consello Científico do ILG, reunido este xoves, desmentiu «categoricamente as imputacións» formuladas por Axeitos e amosou a súa «vontade de seguir colaborando» coa RAG, na liña de actuación mantida durante os seus máis de corenta anos de existencia, trala dimisión do seu presidente, Xosé Luis Méndez Ferrín.

A través dun comunicado, o ILG manifestou que «en ningún caso» os seus membros que forman parte da Academia participan «a título persoal. En ningún caso ?afirman? representan nin individual nin colectivamente» ao ILG.

Noutro dos puntos do comunicado, O ILG lembra «a súa firme e argumentada oposición» ao decreto do plurilingüismo, respaldando a análise elaborada pola Academia e subliñando «a lealdade e compromiso» coa RAG. Remarca que «non promoveu ningún tipo de acción para orientar ou condicionar as decisións da RAG. O Instituto destaca tamén que a súa condición de organismo universitario lle impide acudir aos tribunais.

O comunicado do ILG remata cun «chamamento a todas as institucións encargadas do estudo, defensa e promoción da lingua e da cultura galegas para colaboraren lealmente» ao servizo do país, «razón última da súa existencia».


Comentar