La Voz de Galicia

Académicos piden que se reconduza a polémica para non danar á RAG

Cultura

L. Pousa Redacción / La Voz
Reunión do plenario da RAG, o pasado 18 de xaneiro, no que varios académicos pediron explicacións á executiva pola súa xestión.

Un grupo propón que Ferrín continúe como membro da institución

05 Mar 2013. Actualizado a las 07:00 h.

Varios académicos pediron onte que se reconduza a actual situación da RAG, de xeito que se evite que a polémica interna vivida nos últimos días a raíz da dimisión do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, acabe por danar a imaxe pública da centenaria institución. Nesta liña expresouse o membro que máis anos leva na corporación, o teólogo Andrés Torres Queiruga, académico desde 1980. «É unha mágoa, porque se hai unha institución que pode e debe ser unitaria esta é sen dúbida a Real Academia Galega», apuntou, ao tempo que apostou por un acordo de futuro que garanta unha unidade mínima de funcionamento: «Eu penso que isto terá unha solución porque somos xente civilizada e dialogante».

Sobre a marcha de Ferrín subliñou que sería bo que, aínda que mantivese a súa decisión de abandonar a presidencia, permanecese como académico de número da RAG. «Non debería perder a súa condición de académico, a súa membresía, como din os británicos, porque a súa contribución ás nosas letras é absolutamente inestimable, e debería seguir como membro da Academia», explicou Torres Queiruga.

O filólogo e vicesecretario da Academia, Francisco Fernández Rei, sumouse á proposta de que Ferrín continúe como membro numerario da corporación. «Hai moitos académicos e moita xente da sociedade galega que queren que siga na RAG porque Ferrín é moito máis que o maior escritor galego vivo», destacou.

«A situación -engadiu- se ten que reconducir polo ben da institución e polo ben da defensa da lingua e da cultura galegas, xa que durante estes anos a Academia converteuse no baluarte da defensa do idioma como se probou no caso do decreto do plurilingüísmo».

Na mesma liña abondou o arquitecto e académico Andrés Fernández-Albalat: «Sinto e lamento moito esta situación, desagrádame e entristéceme, pero confío e estou seguro de que a actual situación se resolverá».

A poeta e numeraria da RAG Luz Pozo Garza insistiu na necesidade de non reavivar a polémica e, por iso, remitiuse ao acordo que se adopte no vindeiro plenario da corporación.

Rosario Álvarez cre que «Ferrín debe continuar porque ninguén lle pediu que marchara». A académica e directora do Instituto da Lingua Galega considera que non se viviu «unha tensión nin dentro nin fóra da Academia como para unha saída tan dramática do presidente». Álvarez asegura que no último plenario, celebrado o pasado 18 de xaneiro, «houbo un debate con puntos de vista dispares, pero en ningún caso foi un enfrontamento que xustifique unha marca tan sorprendente como a de Ferrín».

Pola súa banda, Xosé Luís Regueira, membro do ILG e académico dende xuño do ano pasado, resumiu os seus sentimentos sobre a situación que se produciu na RAG en «decepción e tristura». Regueira cre que a polémica non só dana á institución, senón tamén «á cultura galega e mesmo a Galicia como suxeito político», xa que tanto «os casos de nepotismo» como «as liortas de poder entre grupiños» ofrecen unha imaxe «penosa». A isto o académico engade unha crítica ao enfrontamento público derivado da crise institucional: «Habería que evitar o espectáculo daniño de estar dándose labazadas no xornal».

Regueira avogou por traballar por reconducir a situación e loitar polo futuro dunha entidade que, ao seu xuízo, é moito máis que un símbolo. «A Academia non ten só unha dimensión simbólica, senón que é un axente activo, que nos últimos tempos achegou a lingua e a cultura aos círculos máis activos da sociedade, que se situou claramente en defensa do idioma e que gañou unha gran credibilidade e proximidade». Para Regueira, «non se rompeu nada que non se poida amañar, pero cada día que pasa vai ser máis difícil».


Comentar