La Voz de Galicia

Un sector de académicos cre que a polémica xa avanza cara á reconciliación na RAG

Cultura

Camilo Franco Redacción / La Voz
Manuel Rivas, onte, no Consello da Cultura Galega.

«Quedou claro que ninguén quere unha guerra na Academia Galega», apunta Manuel Rivas

06 Mar 2013. Actualizado a las 07:00 h.

Algunhas voces conciliadoras dentro da institución apuntan xa a unha solución tranquila e razoable para a Real Academia Galega e para a crise aberta tras o anuncio da dimisión do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Entre outros nomes destacados deste sector de académicos, Manuel Rivas sinalou onte que o xeito en que evolucionou o conflito «foi para ben», asegurando que a situación «é agora máis tranquila que hai unha semana». Explicou o escritor, antes de participar na sede do Consello da Cultura Galega na charla inaugural do Festival Internacional Atlántica de narración oral, que durante estes días «quedou claro que ninguén quere unha guerra na Academia». Sinalou que houbo enfrontamentos públicos, pero atribuíunos «máis á intensidade do debate que á existencia de bandos».

Para o escritor, a «situación ten agora máis posibilidades de ser reconducida para ben da Academia e do país porque ninguén quere verdadeiramente unha guerra».

Rivas, que hai unha semana apuntara que tiña que repensar a súa continuidade na RAG se non se encontraba unha solución, sinalou na tarde de onte que seguía «esperando o desenlace» da polémica interna desatada tras o anuncio da renuncia de Ferrín á presidencia. «A miña postura non cambiou», dixo Rivas lembrando que o temporal xa amainara algo.

En calquera caso, o escritor apuntou que non se trataba de coñecer a súa opinión, senón de encontrar unha solución para a Academia. Rivas declarou neste sentido: «Eu non son o problema da Academia e non vou ser o problema para encontrar unha solución para Academia».

Na mesma liña manifestáronse onte destacados académicos, algúns dos cales preferiron non facer máis declaracións públicas para non alimentar a polémica. Si falou o actual vicesecretario da RAG, o filólogo Francisco Fernández Rei, que amosou a súa confianza en que non xurdan bandos enfrontados no seo da Academia e se manteña o espírito de traballo colectivo destes anos: «Se hai bandos eu prefiro, como dixo Rivas, quedar a traballar tranquilamente no Instituto da Lingua Galega, na facultade ou na casa».


Comentar