As «Criaturas» de Vidal Bolaño volven aos escenarios
Cultura
Teatro do Aquí recupera, unha década despois, a montaxe
20 Apr 2013. Actualizado a las 11:00 h.
Narón| Pazo da Cultura | Hoxe e Mañá | 20.30 horas | 9 euros | 90 minutos
Era un monstro que parecía Frankenstein, pero era galego. Era un monstro que camiñaba cun corazón na man e non precisamente como alegoría. A criatura paseou de incógnito e ignorada por unha sociedade que se parece moito á nosa e non foi dando crédito ao que vía. Atravesou por grupos animando a suicidas, por matrimonios abandonados, por solares sen nenos que lles boten un partido.
Este monstro era unha criatura de Roberto Vidal Bolaño. Unha criatura que está de volta. Está de volta o texto e está de volta a compañía que o estreou hai agora arredor dunha década, Teatro do Aquí. Entre outras cousas, o Día das Letras Galegas permite recuperar a presenza escénica de quen foi o principal autor e director dos últimos cincuenta anos en Galicia.
Criaturas foi un dos textos da última época de Bolaño. Unha comedia sarcástica sobre unha realidade que ten un comportamento cruel, digamos salvaxe, pero disimulado. O dramaturgo colle o personaxe de Mary Shelley e faino camiñar atónito entre un mundo aparentemente normal ou normalmente monstruoso.
Teatro do Aquí recupera parte do elenco que hai dez anos asumiu a primeira versión da obra, esta vez coa dirección de Evaristo Calvo. No reparto están Belén Constenla e Xoán Carlos Mejuto, que formaban parte do elenco inicial da montaxe, a quen se suman agora Marcos Orsi e Vicente de Souza. Ademais, como axudante de dirección está quen protagonizaba ao monstro, Rubén Ruibal.
Teatro do Aquí inicia hoxe a xira que os levará a Compostela no vindeiro mes de maio, que os levará a Madrid nas salas da SGAE e coa que volverá a Santiago para pechar no Salón Teatro as actividades do ano dedicado a Roberto Vidal Bolaño.