Ramón Nicolás: «O Día das Letras non debe limitarse a un ano»
Cultura
O crítico avoga por implicar máis á sociedade civil para estender as actividades
07 May 2013. Actualizado a las 07:00 h.
Ramón Nicolás, crítico literario que exerce o seu labor no suplemento Culturas de La Voz, vén de ser distinguido nos premios da AELG polo seu blog, Caderno da crítica, e a súa biografía de Celso Emilio Ferreiro.
-Os blogs mudaron moitas cousas no panorama editorial. ¿Como o utiliza un crítico?
-Mudárono, en efecto, aínda que talvez un tanto relativamente porque non se pode falar de xeneralización deste soporte, malia que cada día é maior o número de persoas que se asoman á rede para se informar pois xa foron educados nas súas potencialidades, no seu doado acceso e na súa inmediatez. No que atinxe á crítica, e especificamente a do libro galego, esta é unha batalla na que hai que estar e que non se debe perder, e mesmo coido que goza dunha saúde que está á vangarda do que se fai preto de nós.
-A súa biografía de Celso Emilio está a ter moi boa acollida...
-A acollida foi e é tan fabulosa que nin nas mellores expectativas o sospeitaría hai menos dun ano. Alégrome, sobre todo, porque co galardón se me posibilita agradecer a confianza dos lectores, e tamén a que me prestaron Xerais, a Fundación Celso Emilio Ferreiro e moitas persoas próximas. Tamén porque entendo que a biografía é un libro colectivo, que creei a partir de xenerosas achegas de persoas que compartiron a súa memoria comigo para trazar, no posible, un perfil actualizado de Celso Emilio Ferreiro.
-Falta pouco para o 17: ¿como prolongar o espírito do Día das Letras e o interese pola literatura galega?
-O Día das Letras non pode, nin debe, circunscribirse a un mes, nin, ao meu ver, a un ano. A experiencia levada a cabo desde a Fundación Celso Emilio Ferreiro o ano pasado para sumar vontades que conflúen no interese de difundir a memoria e o legado de Celso Emilio conduciu facilmente a estender as actividades ao longo de todo un ano, e mesmo máis alá. Neste sentido cómpre implicar máis á sociedade civil con diferentes estratexias, e hainas.