La Voz de Galicia

Antón Reixa: «Non souben xestionar un consenso imposible na SGAE»

Cultura

Camilo Franco Redacción / La Voz Expresidente da SGAE

A xunta directiva destituíu onte ao músico por 25 votos fronte a 12

17 Jul 2013. Actualizado a las 11:53 h.

O futuro de Antón Reixa como presidente da SGAE quedou sentenciado onte cos 25 votos fronte a doce con que a xunta directiva decidiu o seu cese.

-¿A qué atribúe a súa destitución?

-Hai un calendario moi claro. Cando en marzo anuncio as investigacións sobre as rodas de televisión e sobre as posibles irregularidades das liquidacións dos dereitos de autor ábrese unha batalla interna para evitar esa investigación. Dentro da propia xunta directiva hai conflito de intereses porque no caso de algúns dos integrantes as súas recadacións dependen dese tipo de ingresos que poden ser fraudulentos. Só hai que apuntar que a proposta dun código de transparencia foi rexeitada pola xunta directiva.

-¿Inflúe na perda de apoio a contratación de Fasero como responsable en Galicia?

-O que sucedeu é que despois de anunciar a investigación abriuse unha caza de bruxas, unha loita de poder absolutamente cainita na que se utiliza calquera cousa. Pero nos órganos de goberno quedou clara esa contratación e fóra de toda dúbida a miña honorabilidade. O que sucedeu na xunta directiva é que non souben xestionar un consenso imposible.

-Pero a aprobación das contas foi máis unánime do que parecía.

-Un 70 % da asemblea votou a favor das contas. Eu sempre me neguei a considerar a asemblea de aprobación das contas como un plebiscito sobre a miña xestión. Pero ese 70 % a favor explica que a base social da institución ten un sentido diferente que a xunta directiva.

-¿Que erros asume do seu ano longo de xestión?

-Non xestionar a transparencia que debe ter a entidade e a firmeza con que se debe aplicar esa transparencia. Tampouco souben acurtar a distancia entre a directiva e as bases da SGAE porque na directiva en poucas cousas máis hai acordo que en destituírme a min. A base é máis homoxénea que a xunta directiva. Pero non souben acurtar esa distancia e a sensatez da base non alcanzou á xunta. Creo que esa distancia é o maior problema que ten agora a sociedade.

-¿E acertos?

-Creo que o proceso descentralizador é un acerto que ofrece a posibilidade dunha nova SGAE máis preocupada por defender aos seus autores e estar máis próximos a eles.


Comentar