La Voz de Galicia

De Álvarez Torneiro a Chirbes

Cultura

30 Dec 2013. Actualizado a las 07:00 h.

A concesión dos máximos galardóns literarios de ámbito estatal a Os ángulos da brasa e máis a Ardalén, de Álvarez Torneiro e Miguelanxo Prado, respectivamente, puxo o foco sobre as letras galegas. Un xusto recoñecemento a propostas (dun poeta e dun historietista) extraordinarias escritas orixinalmente en galego; e a primeira, só editada na nosa lingua. Todo nun curso que celebrou os 30 anos do premio Xerais de Novela e os 25 do García Barros, esenciais para a nosa narrativa. Outro fito foi a tradución do Ulises, de James Joyce (Galaxia), texto clave na literatura que non pode faltar. Cumpriría analizar as razóns, pero a efeméride dos 150 anos de Cantares gallegos talvez escureceu a atención que debe suscitar Vidal Bolaño. O número de publicacións xeradas pola primeira así o testemuña, malia ofrecerse achegas estimables arredor do segundo. A diminución de novidades nos grandes xéneros leva aparellado un aumento nas publicacións para un público infantil e outros proxectos que vinculan narrativa, ilustracións e música de nós. ¡Benvidas sexan!

Á marxe do premio Nobel a Alice Munro, e o seu último libro, na edición en español no 2013 poderían destacarse algúns títulos sobresaíntes, entre eles o poemario da sevillana afincada en Ferrol Julia Uceda Escritos en la corteza de los árboles (Fundación José Manuel Lara); a última novela de Rafael Chirbes, En la orilla (Anagrama); a novela de Ramon Saizarbitoria traducida do éuscaro Martutene (Erein); a última obra de Richard Ford, Canadá (Anagrama); a publicación de Jota Erre, de William Gaddis (Sexto Piso); o gran ensaio 1688, de Steve Pincus (Acantilado); as Cartas a Felice, de Kafka (Nórdica); ou os diarios de Pizarnik (Lumen) e Thoreau (Capitán Swing).

Esta página ha sido elaborada con las aportaciones de Javier Becerra (música), César Wonenburger (música clásica), Miguel Anxo Fernández (cine), Mercedes Rozas (arte), Ramón Nicolás (letras galegas) y Héctor J. Porto (literatura).


Comentar