La Voz de Galicia

Os escritores propoñen que o 24 de febreiro sexa o día de Rosalía

Cultura

Uxía López X. F.
<span lang="gl">No Panteón de Galegos Ilustres</span>. Os escritores leron textos e cantaron poemas de Rosalía, e o poeta Carlos Negro leu un manifesto sobre «a intérprete máis veraz dos nosos dramas colectivos».

Numerosas iniciativas en toda Galicia lembran á poeta no seu aniversario

24 Feb 2014. Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega homenaxeou onte en varias cidades galegas a Rosalía de Castro no 177.º aniversario do seu nacemento, que se celebra hoxe, un día que aspiran a institucionalizar como xornada de celebración na literatura, con regalos como un libro e unha flor.

Nesta ocasión ademais resultou una data especial, porque o pasado 24 de febreiro do 2013 comezou o ano de Rosalía de Castro, en conmemoración do 150.º aniversario da publicación do seu libro Cantares Gallegos, e hoxe chega a súa fin en Padrón. Para o remate da cita, a fundación rosaliana reservou a presentación dun libro-cedé editado para a ocasión de forma conxunta coa radio autonómica galega e titulado De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI. Nel reúnense os versos inéditos escritos por 36 poetas a partir dos que Rosalía de Castro publicou en Cantares Gallegos.

O libro procura os acentos da obra da escritora na dicción e na escrita contemporánea e o resultado é unha das «antoloxías poéticas sonoras con textos inéditos mais extensas e plurais da historia da literatura galega», segundo destaca a fundación. A presentación do libro é esta tarde, a partir das sete no auditorio da Casa-Museo de A Matanza, en Padrón.

Un «selfie» rosaliano

Máis novidosa é a última das iniciativas ideadas pola fundación padronesa para pechar a efeméride, pois salta ás redes sociais cunha acción colectiva para que participe o maior número de persoas. Así, a proposta para todo o mundo é realizar un selfie ou autorretrato con calquera motivo relacionado con Rosalía (un libro dela, a carón dunha estatua, dunha placa, un debuxo...) e compartila nas redes sociais, usando o hashtag #euRosalía, de forma que sexa fácil de atopar para todos.

De xeito semellante, a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou unha serie de actividades que xa arrancaron esta fin de semana pasada. Unha delas é o Graffiti Rosalía, na que se convida aos centros de ensino a facer un graffiti inspirado nos versos da autora nos muros das súas instalacións ou na contorna.

E hoxe, o Consello da Cultura Galega tamén ten previsto presentar a edición dixital do epistolario de Rosalía, 18 cartas escritas pola autora.


Comentar