La Voz de Galicia

Mostran a través de cartas a cara máis íntima de Rosalía

Cultura

P. Calveiro Santiago / La Voz

Está dispoñible na páxina web do Consello da Cultura Galega a través dun epistolario que recompila e analiza 16 das cartas firmadas polo poeta

25 Feb 2014. Actualizado a las 07:00 h.

A obra máis íntima de Rosalía de Castro, a que escribiu para familiares e amigos, está dende onte dispoñible na páxina web do Consello da Cultura Galega (CCG) a través dun epistolario que recompila e analiza 16 das cartas firmadas pola poeta. O enlace non só transcribe a correspondencia, senón que permite ver os mesmos orixinais e inclúe novas claves para a súa interpretación. O enlace é o resultado dun traballo feito conxuntamente por María do Cebreiro, coordinadora do grupo de investigación da USC sobre a autora, e dous departamentos da Universidade de Barcelona, representados por Elena Fernández González e María Xesús Lama.

A primeira das editoras resaltou o «gran interese» que ten o epistolario para a investigación, á hora de entender a obra rosaliana no seu conxunto, incluíndo a non ficción. Nesta revisión filolóxica detectáronse palabras e frases omitidas en anteriores estudos e achégase a visión dunha Rosalía «que se modela como escritora profesional» a través das súas cartas, máis aló «da imaxe configurada nas anteriores lecturas, que estaba interesada en amosar a súa faceta de nai e esposa» sobre calquera outra. Mostra diso é a carta que escribe a Eduardo Pondal, na que asume un papel de mentora literaria, animándoo a continuar escribindo e recomendándolle que «non sexa descoidado».

Rosario Álvarez Blanco, vicepresidenta do CCG, anunciou que traballan de cara a unha segunda parte do epistolario, que correspondería ás cartas que recibiu Rosalía. Do mesmo modo que planean duplicar o epistolario de Luís Seoane, do que xa hai 1.600 cartas online, así como incorporar novos autores galegos.


Comentar