«A vida do emigrante, ata certo punto, é fantasía e realidade»
Cultura
Un dos seus contos foi levado ao cine e premiado no festival de Melbourne
19 May 2014. Actualizado a las 09:30 h.
Marchou para Australia «para non ter que facer a mili e estivo traballando alí en varios negocios», explica María Jesús Lorenzo Modia, decana da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Fala de Félix Calviño (Alemparte, Lalín, 1944) que, como apunta outro dos docentes da facultade, José Miguel Giráldez, leva moitos anos vivindo en Australia e está acadando un notable éxito literario. No 2008 publicou A hatful of cherries (Un sombreiro cheo de cereixas), libro de contos que discorren en escenarios galegos. Estes días falou en Filoloxía das relacións de Galicia e Australia e amosou que mantén moi vivo o seu carácter galego cando di que a súa última novela Alfonso «tivo criticas moi boas en Estados Unidos e en Australia. Sempre digo que algún día sairá unha crítica mala pero ata agora non saíu...».
-¿Quen é Alfonso?
-Esta novela publicouse en xaneiro. Alfonso é un mozo galego que se foi para Australia cando tiña 22 anos. O home estaba formado como tal pero mentalmente aínda era un rapaz.
-Un dos seus contos foi levado ao cine e con éxito, ¿non?
-Si. O título do conto sería Pensamentos inacabados e foi premiado no Festival de cine Melbourne. A curta tivo oito nominacións en varios apartados e gañou o primeiro premio. A historia vai sobre unha muller emigrante.
-A emigración sempre presente.
-Nesta novela é todo emigración. Na mente de Alfonso a metade está pensando no pasado e a outra metade no presente; primeiro sempre mirando para Galicia e logo tratando de adaptarse ao presente, que é difícil. A el gústalle o país, quere pertencer a Australia. Marchou porque a aldea era moi pobre... É o desenvolvemento da mente de rapaz ata facerse home, os dous mundos: o que deixou atrás, a realidade que deixou, e a realidade do presente.
-¿Ten moito de autobiográfico?
-Non, aínda que os dous vimos dunha aldea e os dous somos emigrantes, pero aparte diso non é autobiográfica.
-¿E moi difícil ser escritor en Australia?
-Escribir é doado pero publicar... É como en todas partes. Eu publiquei o primeiro libro no 2008, editouse dúas veces e vaise editar outra... ¡Tiven sorte!
-E o apoio doutro escritor importante como David Malouf...
-Si, e logo o mundo australiano xa o tratou desde o primeiro momento como literatura, aínda que é un libro de contos. Tivo criticas moi boas.
-¿E en Galicia?
-Non chegan os libros.
-¿Para cando o próximo libro?
-Quizais para dentro dun ano ou dous porque é unha parte do meu doutoramento, una parte é ficción e outra é ensaio.
-¿De que vai o doutoramento?
-Sobre fantasía e realidade en Don Quijote e Madame Bovary. Ata certo punto a vida do emigrante tamén é fantasía e realidade: a fantasía de ir alá, onde pensa que será todo moi bo, marabilloso, e cando chega alá, a fantasía convértese na realidade e a realidade que deixou en fantasía.
-¿E pensa volver a Galicia?
-Non...
Félix Calviño Escritor de Lalín que triunfa en Australia e Estados Unidos