Uns 400 alumnos de música levarán «No bico un cantar» ata Mondoñedo
Cultura
Cinco autores mindonienses serán interpretados por un coro que estreará dúas pezas do premiado compositor Nico Casal
14 Mar 2017. Actualizado a las 05:00 h.
Maximino Zumalave aínda se estremece hoxe cando lembra como se alzaba a voz de máis de catrocentos rapaces en San Domingos de Bonaval para poñer voz e música aos versos de Rosalía, que repousaba a poucos metros. No 150.º aniversario do nacemento da poeta, nacía, bautizada cun verso de Curros, a iniciativa No bico un cantar, que xa rendeu tributo a eses dous grandes nomes da cultura galega, pero tamén a Ramón Cabanillas e aos trobadores galegos. Poida que a estatua de Cunqueiro que mira á praza da catedral mindoniense tamén se estremeza unha miga o próximo 2 de xuño. É a data sinalada no calendario para a quinta edición de No bico un cantar, que reunirá de novo un coro de máis de catrocentos mozos de entre 8 e 14 anos que estudan na rede de conservatorios e escolas de música de Galicia, para, desta vez, darlle viva voz ao que deixaron por escrito cinco autores relacionados con Mondoñedo.
Na terra de Cunqueiro non faltará O niño novo do vento. Tampouco as Froliñas dos toxos de Antonio Noriega Varela; nin O neno durmía de Xosé Díaz Jácome. Ademais, os rapaces, baixo a dirección de Maximino Zumalave e acompañados polo grupo de metais Hércules Brass, estrearán dúas novas composicións. As que saíron do maxín de Nico Casal, compostelán afincado en Londres e creador da banda sonora de Stutterer, mellor curtametraxe de ficción na edición dos Óscar do 2016. Escolleu as letras de Neniae, de Aquilino Iglesia Alvariño, e ¡Non o sei!, de Manuel Leiras Pulpeiro.
«Mondoñedo fixo unha importantísima achega á cultura galega», proclamou durante a presentación a alcaldesa mindoniense, Elena Candia. Abofé que o fixo. Deixouno claro o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que estudou no seminario da vila luguesa e que debullou a teoría de que alí converxeron as diversas culturas que había na diocese para facer de Mondoñedo o agro no que medraba unha cultura vizosa.
«Mondoñedo ten esa especie de chamada do tempo, que che di que aquí houbo algo, hai algo e ten que haber algo no futuro», salientou Villares. E ese algo que houbo, ese patrimonio material e inmaterial, é o que «os que temos responsabilidade debemos ser capaces de poñer en valor», explicou a alcaldesa.
«Algúns temos o pecado orixinal de non ser de Mondoñedo», chanceou o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, durante a presentación dunha iniciativa cunha perspectiva «moi integral da educación e da cultura dun país». O conselleiro fixo fincapé no «enorme esforzo» que fan os 7.400 alumnos dos conservatorios galegos, que compaxinan a súa formación ordinaria coa musical e que o próximo día 2 de xuño poderán demostrar que traballando xuntos se poden facer «cousas moi fermosas».