La Voz de Galicia

Alumnos galegofalantes do Bierzo e Sanabria percorren Galicia coa Xunta

Cultura

jorge lamas vigo / la voz

Os estudantes participan cos seus centros nun programa de promoción da lingua galega

13 May 2017. Actualizado a las 05:00 h.

«Anímovos a seguir perfeccionando os vosos coñecementos lingüísticos e culturais do galego para así reforzar este programa que chegou en 2017 aos quince anos en activo como medida de promoción do uso e do ensino da lingua propia de Galicia nestes territorios galegofalantes do exterior», dixo o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, aos alumnos e profesores dos centros adscritos ao Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo e en Sanabria, enmarcado no protocolo xeral de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León.

Un grupo de 149 alumnos e alumnas, residentes nas comarcas galegofalantes do Bierzo e de Sanabria, e once profesores e profesoras de doce dos dezaoito centros adscritos ao mencionado programa remataron onte en Vigo a visita de estudos que os trouxo a Galicia para achegarse de primeira man á lingua e a cultura galegas.

O alumnado tivo oportunidade de visitar o xoves a cidade da Coruña e algúns dos seus emprazamentos máis emblemáticos, como a Torre de Hércules, o Aquarium Finisterrae ou a Domus. Onte, percorreron a comarca do Barbanza para rematar na cidade olívica, onde puideron ver a camiseta xigante do Celta que adornou estes día ao Sireno, a escultura de Paco Leiro. Nestas paradas, os alumnos dos centros educativos de León e Zamora participaron en obradoiros, actividades deportivas e vinculadas á lingua, visitas guiadas e outros actos culturais.

Un millar de participantes

Preto dun milleiro de alumnos dos ensinos primario e medio das mencionadas bisbarras teñen acceso ao estudo das materias en galego. O acceso á lingua galega é posible a través da colaboración iniciada no ano 2001 entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, ampliada coa sinatura do protocolo xeral de colaboración entre os dous Gobernos no 2006. Alén das aulas, o alumnado ten a oportunidade de afianzar os seus estudos de galego con actividades complementarias que inclúen visitas de estudos a Galicia, apoiadas pola Consellería de Cultura e Educación, como a viaxe realizada por este grupo de alumnado e profesorado este curso para favorecer que a rapazada coñeza de primeira man moitos dos enclaves de interese patrimonial e lingüístico da comunidade autónoma galega.

O programa de promoción da lingua galega no Bierzo e en Sanabria ampliará o vindeiro curso académico 2017-2018 os seus centros adscritos coa incorporación a este proxecto do CRA leonés Cubillos del Sil, que se sumará aos dezaoito centros de ensino primario e secundario e mais a Escola Oficial de Idiomas.

Ademais de desenvolverse na comunidade autónoma de Castela e León, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación promove o galego nos estudos preuniversitarios no IE Cañada Blanch de Londres, nos institutos cataláns do proxecto Galauda e mais no Colexio Santiago Apóstol de Buenos Aires. Deste xeito, responde ás demandas dos galegofalantes que viven no exterior e dá a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega, tal como enxalzou onte Valentín García.


Comentar