La Voz de Galicia

Miguel Anxo Fernández: «'Blues para Moraima' mestura 'thriller' político e memoria histórica»

Cultura

X. M. R. Ourense / La Voz crítico cinematográfico e escritor

A obra, premio Blanco Amor de novela, narra a historia dun vello director exiliado que volve a Galicia

19 Jun 2017. Actualizado a las 17:40 h.

Veterano cineclubista, crítico cinematográfico, profesor de Comunicación Audiovisual na UVIGO e traballador da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Miguel Anxo Fernández (O Carballiño, 1955) é o escritor máis audiovisual do panorama literario galego. Con Un nicho para Marilyn gañou o premio Manuel García Barros de novela no 2002 e comezaba a saga protagonizada polo seu detective Frank Soutelo. Con Un Blues para Moraima fíxose co galardón na última convocatoria do Blanco Amor de novela longa. Na actualidade está a desenvolver un calendario de presentacións por toda Galicia e no mes de maio foi a novela máis vendida en galego.

-Alfonso, o protagonista, é un vello director de cine exiliado que decide volver a Galicia para un programa de televisión nos anos 80. Vostede dirixiu «Galicia no cine» na TVG naquela altura e un dos realizadores homenaxeados foi Carlos Velo. ¿Alfonso é Velo?

-Podería, mais no protagonista da novela hai tamén cousas de Blanco Amor e de José Suárez. E a Moraima do título é unha chiscadela á dona de Celso Emilio Ferreiro. Todos eles intelectuais ourensáns exiliados, aínda que me coidei moito de non caer na trampa de servir ensaio histórico, de embarrancar na cousa ideolóxica ou na verborrea panfletaria porque entendo que o lector precisa de espazos de liberdade para interpretar o que lle contan.

-O regreso do realizador, que tivo que fuxir de Galicia para salvar a vida, reabre vellas feridas. Un político e un directivo da televisión son os seus antagonistas.

-Melitón e Ulpiano son os malvados porque foron historicamente malvados, así de claro. Non é maniqueísmo, son os vencedores da ditadura e punto. Que cada quen saque as conclusións que goste; iso si, son produto da miña imaxinación, non queda outra.

-Vellas historias que volven, represión, sucesos nunca contados que mudan o sentido da vida... ¿Como definiría a novela?

-É unha mestura de thriller político e de memoria histórica, no ambiente na transición do que tanto se fala agora. Semella un tema pouco tocado na narrativa galega, ou cando menos no ton que pretendo. Hai un xornalista de televisión empeñado en recuperar a un vello director exiliado, Afonso, ignorando que provocará unha singular catástrofe co seu empeño. O poder establecido, as institucións, mesmo a clase política, convulsionarán co regreso do director.

-O xurado incidiu na axilidade narrativa da proposta.

-De certo ten que ver coa miña educación sentimental, moi apegada ao cine. Son neno da televisión dos 60 e dos filmes de fin de semana nas salas do Carballiño, nunha teima que xa non deixaría. Recursos como a elipse, o flashback, o flashforward, a planificación, son trazos asociados ao meu estilo e así os uso na novela. Mesmo entendo os capítulos como secuencias, como unidades pechadas en si mesmas nun todo. É unha opción de estilo como calquera outra.

-Encetou a novela hai quince anos, aínda que polo medio apareceu Frank Soutelo. ¿Seguirá coa saga do seu detective?

-En dous ou tres anos. Estaba a traballar na que sería a sétima entrega cando irrumpeu na miña traxectoria literaria este tsunami persoal que representou para min Blues para Moraima.

-O cine ten un claro protagonismo no seu traballo literario. ¿Rematará por haber unha adaptación dalgún dos títulos?

-Houbo conversas para facelo con O sabre do francés e Lume de cobiza, pero non foron adiante. Blues para Moraima é das máis cinematográficas e ata son capaz de poñerlle rostros de actrices e actores aos personaxes, pero agora o prioritario é seguir sumando lectores. Todo chegará, espero...

 

 

 


Comentar