Benposta, fábrica de soños
Cultura
Alberto Canal novela en «O trapecista da malla de rombos» unha historia que recrea a utopía da Ciudad de los Muchachos, narrada a través da ollada inocente dun neno
19 Mar 2018. Actualizado a las 05:00 h.
A orixe de O trapecista da malla de rombos (Xerais), a novela na que Alberto Canal (Casal de Maus, Ourense, 1967) recrea o que foi o proxecto utópico da cidade dos rapaces de Benposta, remóntase a dous intres separados no tempo. O primeiro, na infancia do autor: «Cando era cativo fun ver o circo e quedei fascinado. Non só porque ese circo estaba situado nun país independente que tiña alfándega e moeda propia, senón porque os números circenses estaban protagonizados por nenos da miña idade que facían cousas incribles». En consecuencia, Canal pasou os seguintes meses aprendendo a facer malabares con pedras.
O segundo intre coincide co falecemento no 2011 do impulsor do proxecto, o padre Silva, que Canal leu no periódico. «Decateime de que nas últimas paxinas dese mesmo periódico había outra que contaba que o fundador do Circo do Sol, Guy Laliberté, viña de comprar unha viaxe espacial. A contraposición entre unha Benposta que esmorecía coa morte do seu fundador e o éxito universal do circo canadense causoume tal impacto que decidín poñerme a escribir». O propósito do libro, «facer xustiza coa que foi a segunda Escola de Circo do mundo, despois da rusa e cun proxecto pedagóxico arredor das artes circenses de alcance universal». O resultado, un libro que debe lerse como «unha fábula sobre a ilusión e os soños».
De feito, soños é a palabra que máis veces agroma cando Canal fala do seu libro, «unha novela sobre alguén que, como no seu día fixo o padre Silva, pretende soñar un soño». Ese protagonista é Iupanki, un mozo de dez anos que chega a Benposta no tempo no que se produce o conflito urbanístico no que se enmarca o declive do proxecto. Iupanki permítelle a Canal narrar ese episodio «cunha mirada inxenua, xa que o libro non pretende ser unha crónica periodística do alí acontecido nin tan sequera unha novela documental, pois o conflito ao que nos referimos tivo vertentes moi diferentes».
A inocencia de Iupanki non significa que careza de picardía ou retranca. «É un neno teimudo que non se quere deixar levar por esa maneira que teñen os maiores de vivir a vida pendurados dunha morea de frustracións. Aí é onde está o principal paralelismo coa Ciudad de los Muchachos», describe Alberto Canal.
A idade de Iupanki tamén é unha ponte directa para os lectores mozos de hoxe, que comparten co protagonista da novela a capacidade de ilusionarse. «Estamos vendo como hai moitos nenos que se presentan a programas de televisión para realizar o seu pequeno ou gran soño, ben sexa cantando na Voz Kids ou bailando no Got Talent. Benposta non deixou de ser unha fábrica de soños como agora o son algúns programas de televisión. Aínda que os soños de Benposta formaban parte dun proceso de formación pedagóxica onde se buscaba a plena realización dos cativos en todos os aspectos da vida; na televisión os soños son máis de mercadeo e polo tanto máis efémeros», analiza o autor.
A vixencia duns ideais
Mais tamén a oportunidade do libro provén do que Canal considera a vixencia dos ideais que inspiraron Benposta. «Hai moita xente que estivo ligada a Benposta que desexaría que esa utopía revivise dalgún xeito e tamén moitos cidadáns de Ourense que lamentan que non se poña en valor o patrimonio inmaterial dunha iniciativa pedagóxica peculiar que chegou a ser un referente a nivel mundial a través da súa proxección cara o mundo mediante as artes circenses», afirma. Esa proxección prendeu en lugares nos que aínda alumea, igual que na propia Ourense. «Aínda viven alí en torno a 25 persoas e todos seguen a defender ese estilo de vida alternativo. Son xente especial. Moitos teñen o corazón mancado por todo o que pasou, mais hai algo por dentro que lles segue a ferver. Volven a ilusionarse con moita facilidade. Eu confío en que dunha desas ferveduras de maxín saia algo que procure un novo futuro para Benposta».