«Temos dereitos lingüísticos e, ás veces, estánsenos negando ou regateando»
Cultura
Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, explica que se detecta unha parálise á hora de cumprir a Carta Europea para as Linguas Rexionais
19 Mar 2018. Actualizado a las 05:00 h.
O Consello da Cultura Galega ten na lingua un dos seus eixes de traballo. A súa vicepresidenta Rosario Álvarez ( Pontevedra, 1952) coordinou unha desas accións, o Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias, do que se extraen problemáticas comúns despois de reunir a representantes de todas as comunidades lingüísticas de España, tanto das linguas oficiais no seu territorio como as que non.
-Unha das achegas do foro é traballar para que a sociedade acepte como enriquecedor a diversidade lingüística. ¿Un mundo globalizado xoga en contra?
-Non se pode dicir que a globalización de por si é mala para a lingua, pode selo ou non. Pode facer tanto que unha lingua desapareza porque os seus falantes tiran a toalla, réndense ante a forza avasaladora das grandes linguas de cultura; pero tamén pode producir unha reacción en contra, unha alerta social de tal maneira que unha comunidade lingüística diga que corre o risco de desaparecer e, polo tanto, reacciona. O galego pode estar en calquera das dúas. Está na nosa man, na dos galegos e máis nas dos que teñen responsabilidade de facer políticas culturais e lingüísticas, facer que torza do lado que debe torcer, que é alertar sobre o perigo de perder un patrimonio único que é a nosa lingua, de perder un sinal de identidade e que, no momento que se perda, é irrecuperable.
-Hai un factor no que coinciden todas as linguas oficiais (galego, catalán, éuscaro e aranés): a escasa presenza en ámbitos da xustiza e sanitario. ¿Como incide isto no seu futuro?
-En todos eses sectores que vemos que hai carencias xóganse dúas cousas. Por un lado, o futuro da lingua porque efectivamente, se a miña lingua é tan boa como a outra, ¿por que non está presente? Ademais do futuro, aí o que se está, e me parece máis grave, é incumprindo os nosos dereitos lingüísticos, que son tan reivindicables, tan dignos e tan atendibles como os de calquera outra lingua. Que uns teñan recoñecidos todos os seus dereitos lingüísticos e que outros pasemos xeración tras xeracións reclamándoos sen chegar a conseguilos non é xustificable nin xusto. Que calquera de nós cando vai a que o atenda un médico, un notario, a un xuízo..., teña que facer un acto de militancia para esixir o seu dereito non é aceptable. Os dereitos lingüísticos están na Constitución, no Estatuto, amparados pola Carta. Temos dereito a iso e, ás veces, se nos está negando e, outras, regateando continuamente. Neses ámbitos nos que non se cumpre a Carta xógase a supervivencia das linguas pero, o máis importantes, xóganse os dereitos nosos como cidadáns.
-Tamén se apuntou cara o comportamento do Goberno Central.
-Unha conclusión é que a Administración Central non está involucrada no desenvolvemento da Carta, non da pasos significativos no seu cumprimento e máis ben parece que hai unha parálise nos pasos que viñan dando anteriormente. Incluso deseña plataformas telemáticas para determinados tipo de procesos administrativos que só admiten o español. Ese tipo de medidas son unha puntilla para os dereitos que están recoñecidos. A Carta tamén di que se debe promover o recoñecemento, o coñecemento e o respecto mutuo dentro dos distintos grupos lingüísticos que o habitan. O Estado está obrigado a promover o carácter multilingüístico e que falar outra lingua sexa recoñecido como unha situación positiva, non o enfrontamento continuo entre grupos lingüísticos.
«Hai unha adscrición afectiva ao galego»
A situación das linguas oficiais existentes en España que están incluídas na Carta é análoga, pero se nalgunha se fixa especialmente Rosario Álvarez é no vasco por como foi recuperando falantes entre a mocidade e a rapazada. Dende o Consello seguirán con accións nesa promoción. O 12 e o 13 de abril celebrarán a vixésima edición dos Encontros de Normalización Lingüística, que este ano centrarán no deporte.
-Nas conclusións do foro da Carta Europea, recóllese que aínda permanece nalgúns sectores a crenza de que o galego estorba para ser máis modernos, ¿queda moito do tópico?
-Si que queda. Está bastante superado, pero aínda non por completo. Hai persoas que aínda seguen pensando que o galego ten un plus de ruralidade co que non se senten cómodos a pesares de que mudou moitísimo a percepción da sociedade galega nas últimas décadas. O feito que non haxa máis publicidade e que no comercio non haxa máis uso visible do galego -que hai máis do que había uns anos-, débese a que aínda nos sectores económicos hai unha percepción de que o seu negocio pode verse afectado por iso, sen facer caso aos estudos, que din que nos produtos alimenticios se lle dá máis valor.
-Se houbese que diagnosticar a saúde da nosa lingua e á vista de informes que fixeron dende o Consello da Cultura, como o do uso do galego entre a mocidade, ¿cal sería a súa situación actual: estable, grave...?
-É un paciente que ten crises fortes pero tamén conta con indicios de mellora. Un médico ben preparado debería saber apreciar eses indicios de mellora e tirando desas fortalezas sacar adiante ese paciente.
-¿Cales son esas fortalezas?
-Ten dúas. Aínda é a lingua maioritaria da poboación galega, cousa que non todas as linguas minoritarias poden dicir. A outra é que, en xeral, na sociedade galega, incluso os que non a falan ou non o fan como lingua prioritaria, senten unha adscrición afectiva ao galego. Senten que o galego é una lingua que identifica aos galegos no mundo e senten unha afección positiva arredor do galego. Terrible sería que tiveramos que loitar contra unha desafección total. Ese afecto pola lingua e considerala como un sinal de identidade que nos identifica como galegos é unha fortaleza.