O Centro Ramón Piñeiro acolle o legado da escritora Luísa Villalta
Cultura
Obras manuscritas e inéditas destacan nun depósito que inclúe discursos, cartas, fotografías, vídeos e documentos
21 Jul 2018. Actualizado a las 05:00 h.
A familia da escritora Luísa Villalta e os xestores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades concretaron onte no compostelán Pazo de San Roque a firma da cesión do legado da autora.
A familia depositou no centro poemarios manuscritos e inéditos e unha peza teatral tamén inédita, ademais de 600 cartas dirixidas a outros creadores, medio centenar de cadernos dietarios, conferencias con anotacións, apuntamentos de obras xa publicadas e gravacións sonoras e videográficas. O legado complétase con documentación persoal da escritora coruñesa.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, agradeceu á familia «a entrega xenerosa deste magnífico legado que nos permitirá afondar no coñecemento da obra de Luísa Villalta e achegarlles aos galegos diversos traballos que ela deixou inéditos». O Centro Ramón Piñeiro será agora o encargado de custodialo, divulgalo e analizalo. Clasificará e dixitalizará ese material, e traballará na exhumación das obras inéditas e no seu estudo.
A autora tivo unha intensa vida como literata, música e tamén profesora
Luísa Villalta naceu na Coruña en 1957 e na súa traxectoria vital estivo rodeada de arte: da escritura e da música. Unha moza Luísa licenciouse en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. E chegou a exercer como profesora de lingua e literatura galega. Tamén estudou música e conseguiu o título superior en violín, formou parte da Orquestra de Santiago de Compostela e da Xove Orquestra de Galicia. Pero a súa verdadeira paixón foron as letras, un ámbito no que é recoñecida como poetisa, narradora, dramaturga e ensaísta. O seu intenso labor foi recoñecida con diversos premios. En 1990 acadou o accésit do premio de relatos Pedrón de Ouro por A taberna do holandés. E no 2003, o Premio Espiral Maior de poesía por En concreto.
Existen dous concursos na súa honra: o Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras e o Premio Luísa Villalta de Proxectos Culturais pola Igualdade. Faleceu na Coruña no 2004.