Víctor Campio Pereira, o poeta tímido que non acudirá o sábado á súa homenaxe
Cultura
A Festa da Palabra, que se celebra na Insua dos Poetas do Carballiño, está dedicada este ano ao escritor, falecido onte
25 Jul 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Hai tempo que Víctor Campio Pereira non medía a rúa do Paseo de Ourense polas noites. Foi sempre, confesaba el, de erguerse tarde e gozar da noite. Daba longos paseos na compaña dos amigos, ou só, se había algún atranco de última hora que lle impedise saír aos peripatéticos nocturnos, e alá armaban a súa tertulia. Aínda que decembrase el non perdoaba. E non miraba o reloxo: o mesmo saudaba coa súa xentileza de home miúdo que encetaba respostando a unha pregunta e remataba por debullar o libro no que se recollían os alcumes polos que eran coñecidas todas as familias da súa vila natal de Garabás. Os problemas de saúde hai tempo que se deixaran sentir, xa non acudía á súa conversa na cafetería Princesa -na que participan entre outros o poeta Edelmiro Vázquez Naval, o exprofesor de Filosofía Ramón Area e a antiga actriz Marisa Calvo- e cando en outubro do pasado ano se celebrou a homenaxe promovida polo Ateneo de Ourense e o PEN Clube, na que tamén participou a RAG, as forzas xa non o acompañaban. Onte, poucos días despois de cumprir os 90 anos e cunha nova cita de recoñecemento na proximidade, finaba na cidade ourensá.
Para este sábado está prevista unha nova edición da Festa da Palabra na Insua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño) e a fundación organizadora da celebración xa hai meses que anunciou que neste 2018 a homenaxe anual ía recoñecer o traballo e a obra de Víctor Campio. Logo de coñecerse o seu pasamento, dende a entidade sinalouse que o espazo natural e literario -onde cada ano se recoñece a un escritor, ou a unha xeración, e se descobre unha peza escultórica conmemorativa- acollerá o sábado, a partir das 11.30 horas, a homenaxe ao poeta.
Aínda que na súa etapa de estudante de Maxisterio xa estivo vencellado ao grupo de escritores da revista Posío -entre outros o seu admirado Antón Tovar e Pura Vázquez- Víctor Campio foi un autor serodio. As súas entregas poéticas comezaron con O ar que nos leva (1987) e Perdida luz (2000). O PEN Clube editoulle no 2008 O aire, a luz o canto. Poesía reunida 1987-2006 e no 2011 publicou Quince sonetos de amor e once poemas máis. Participou en varias obras colectivas: Sete poetas ourensáns (1992), Poesía de aléns (2003) e Poetas e narradores nas súas voces II (2006). A súa única novela tiña como punto de partida a súa experiencia militar en Tetuán -onde fixo o servizo e coñeceu a Rafael Sánchez Ferlosio- e Baixo o sol do Magreb foi publicada en 1998 pola Deputación de Ourense. Asinou unha obra de ensaio: Escritos en do menor (2001).
Xubilouse como profesor no IES As Lagoas, de Ourense, e o Concello de Maside nomeouno fillo predilecto no 2010. Era académico correspondente da Real Academia Galega e a Insua dos Poetas concedeulle o premio Sete Carballas no 2012.