La Voz de Galicia

«Escribo sobre xente da miña idade porque é do que menos leo»

Cultura

Borja casal redacción / la voz X. F. redacción / la voz
Yáñez cre que os premio axudan a que os libros gañen visibilidade

As escritoras Antía Yáñez e Ana Cabaleiro dan boa conta dos novos valores da literatura galega. As dúas conseguiron coa súa primeira novela recoñecidos galardóns do panorama literario, contando historias que tratan sobre os problemas do mundo actual e o papel que desempeñan as mulleres nesta realidade en ocasións adversa.

30 Jul 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Antía Yáñez (Burela, 1991) foi galardoada co premio Illa Nova pola súa obra Senlleiras (Galaxia) na que as vidas de distintas mulleres constrúen unha novela que se inicia coa morte dunha influencer.

-¿Cal é a motivación que hai detrás da novela?

-Gústame escribir sobre misterio porque a min é o que máis me gusta ler, e un día vin na televisión unha historia sobre unha rapaza que sacara unha fotografía na que aparecía algo detrás, algo que non se sabía ben o que era. A partir de aí, tecín unha historia para ver que saía na fotografía e que explicación podía ter iso. A medida que fun escribindo, todo foi derivando cara unha temática máis reivindicativa. Foi unha evolución natural, eu escribín sobre a situación das mulleres porque son muller. Por outro lado, escribo sobre xente da miña idade porque é do que menos leo. Os escritores que consumo son xente máis maior ca min que escribe sobre as cousas que coñece. Penso en Patria, de Fernando Aramburu, que fala sobre a época de ETA. Creo que hai pouca novela falando da actualidade e tendo persoas novas como protagonistas, e como iso é o que coñezo, iso é o que escribo. Ademais, quero que esta xente máis nova poida encontrar libros no mercado nos que se poida sentir identificada.

-Senlleiras pon de manifesto o silencio no que viven moitas mulleres.

-A novela fala de historias que poden parecer normais, pero que ás mulleres non nos agradan. Por exemplo, non nos gusta ter que quedar na casa coidando dos maiores mentres o resto da familia se realiza profesionalmente. É un pouco un berro co que dicir que, aínda que melloramos moito respecto ao pasado, non é suficiente. Cando era pequena sempre me atopaba con que os roles que máis me gustaban eran de homes. En Harry Potter o que facía as cousas importantes era Harry, non Hermione. Cando me imaxinaba protagonizando as historias que lía, imaxinábame a min como muller, non como home, e por iso escribín sobre mulleres, quería deixalo patente. Aínda que hai mulleres na literatura, na meirande parte dos casos non teñen os roles principais.

-¿Que supón este galardón na súa carreira literaria?

-Os premios sempre axudan a conseguir unha maior visibilidade, e se esta novela non tivera un premio detrás, non tería tanta repercusión. Espero poder vivir da escritura, que é o que máis me gusta. Agora mesmo teño unha academia, que me dá moita liberdade porque durante o inverno só estou polas tardes, e iso é algo que me permite ter tempo para poder escribir o que teño na cabeza. Sempre teño algo rulando por aí.


Comentar