La Voz de Galicia

«Hoxe ser cultos implica tamén falar galego, por dignidade e respecto»

Cultura

SUSO VARELA vilafranca / LA VOZ

O artista berciano Juan Carlos Mestre presenta o seu primeiro poemario na lingua da súa infancia

15 Oct 2019. Actualizado a las 08:45 h.

Juan Carlos Mestre (Vilafranca do Bierzo, 1957), unha das voces máis recoñecidas da poesía española, acaba de dar un salto cara adiante na súa traxectoria literaria coa presentación do seu primeiro poemario en galego, a lingua da súa infancia. O libro, 200 gramos de patacas tristes, foi presentado na noite do sábado nun multitudinario acto celebrado na súa vila natal, e serviu á vez de homenaxe a este autor -gañador do Premio Nacional de Poesía (2009), da Crítica (2012) e das Letras de Castela e León (2018)- pero tamén de reivindicación do galego no Bierzo.

No acto, celebrado no Teatro Villafranquino, o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, cualificou o paso dado por Mestre como «un feito marabilloso e impagable, que nos dá esperanza», mentres que o editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, de Espiral Maior, sinalou o libro en galego do poeta berciano como unha continuación dos autores históricos do Bierzo, como Sarmiento, Fernández Morales ou González Alegre, para asegurar que este texto «está destinado a conquistar o futuro; trátase dunha nave que busca no tempo para entrar na república das letras galegas». Pola súa parte, Xosé Luís Méndez Ferrín, a través dun vídeo, afirmou a importancia de que unha figura como Mestre «ofrecese unha lealdade lingüística co Bierzo», ademais de emparentar a súa prosa poética con autores como Castelao ou Dieste.

Mestre, arroupado por amigos e veciños da infancia, fixo un canto á terra onde naceu e á dos seus avós galegos, Castro Caldelas, para xustificar a necesidade que tivo de escribir en galego.

 

Un premio no Barco

Recordou que os seus inicios poéticos fíxoos no idioma galego e que o primeiro premio literario que gañou, de mozo, foi no Barco de Valdeorras: «Foron 200 pesetas, que non me lembro que fixen con elas», confesou para reivindicar «un libro que aínda hoxe segue comigo e que foi a salvación da miña vida: Cantares gallegos, de Rosalía».

Mestre, quen tamén destaca pola súa faceta de artista gráfico, ensaísta e músico, relatou como ao forno de seu pai en Vilafranca «achegábanse os veciños que falaban na lingua que tiñan como un don da historia, un idioma moral para entenderse nunha linguaxe sincera para resistir. Falaban coa memoria dos pais, co arrolo das nais que fundaban a noción da piedade e do respecto, a difícil loita pola felicidade». Pero tamén saíu a vea do Mestre poeta social e comprometido ante as inxustizas, para sinalar que o seu primeiro poemario en galego «é un libro contra o esquecemento, feito para lembrar moitas cousas, porque lembrar é unha maneira de desobedecer o mal».

O escritor berciano -discípulo de Antonio Gamoneda- sinalou que 200 gramos de patacas tristes non é unha evocación dunha infancia marabillosa -«eran tempos escuros, de medo, miserentos»-, pero si puxo en valor «o mundo que mantivo a lingua escondida no noso corazón». E fixo unha defensa do galego: «Ningunha lingua deixa de existir mentres haxa unha persoa que a fala, e se morre pérdese unha marabillosa parte do mundo». E para argumentar por que recuperou a lingua materna para a súa traxectoria literaria foi moi explícito: «Hoxe ser cultos implica tamén falar galego, por dignidade e respecto, e ademais é unha maneira de estar riseiros no mundo».

Héctor Silveiro, académico correspondente da RAG: «Este libro é un revulsivo para o galego no Bierzo»

Na presentación de 200 gramos de patacas tristes participou Héctor Silveiro, filólogo e membro correspondente da RAG (Real Academia Galega) no Bierzo, que puxo en valor e contexto o que supón que Mestre escriba en galego. «Pedinlle dous poemas e mandoume un libro», dixo para destacar que o do sábado foi «un día histórico para o galego no Bierzo, pola loita pola dignidade do galego nesta terra; esta obra será unha referencia e un revulsivo para a literatura galega». Silveiro destacou que nos versos prosaicos de Mestre están presentes a ironía de Sarmiento e a valentía de Fernández Morales, quen «empregaron a fala dos pobres e da xustiza», e ademais supón «unha viaxe persoal á súa terra, aos seus avós; mais tamén se atopou con Cunqueiro, Castelao, Novoneyra ou Pereira», en referencia ás historias que narra, con personaxes que nacen da infancia para converterse en seres imaxinarios.

Nos 125 poemas en prosa de Mestre están presentes tanto a xeografía natural como a humana do Bierzo e da Galicia interior, ademais de ser un canto ás distintas profesións que el coñeceu de neno na comarca. Nos seus versos aparecen as diferenzas entre o urbano e o rural, o Camiño de Santiago, a represión franquista ou as humildes inquedanzas dos nenos e dos maiores, pero tamén o seu amor pola poesía e mais unha constante: «Un libro da memoria, da reconstrución do tempo perdido para reencontralo», como sinalou o poeta Fernán-Vello.

En breve prepararase unha presentación do poemario de Mestre en Santiago, onde se prevé que asistan o seu amigo Amancio Prado e Ferrín.


Comentar