«Se non deixas un legado, isto morre»
Cultura
Co seu novo traballo, «Contrapunto», que lanzan este venres, elevan as súas voces como principal instrumento
30 Nov 2019. Actualizado a las 15:20 h.
Contrapunto é unha viravolta significativa de Aida Tarrío (Ribeira, 1997) e as irmás Olaia e Sabela Maneiro (Teo, 1990), as Tanxugueiras. Neste seu segundo traballo, que saíu á luz hai unha semana, priman as voces sobre o concepto banda que tivo o seu primeiro disco. Manteñen só a percusión do berrogüetto Isaac Palacín e fan unha coidada escolma de letras, que transitan entre a tradición e a proclama reivindicativa. A xira para presentar o álbum arrancou onte en Mos.
Pregunta. Deixan a banda.
Olaia Maneiro. Quixemos facer un disco noso, que representara a nosa música, e prescindimos da banda, pero para o próximo sabe Deus! É un disco feito totalmente por nós e por Isaac Palacín, e non viamos que cadrara coa música que estabamos facendo.
Aida Tarrío. As voces son a nosa especialidade, é o que máis controlamos, á parte da pandeireta, e queriamos que fose soamente vocal e con percusión, e o directo tense que reflectir igual. Guitarra, baixo e acordeón sobraban.
P. Que tal o primeiro disco?
Sabela Maneiro. Viñamos de ser pandeireteiras, que foi o que fomos sempre, e apetecíanos traballar con instrumentos, e a experiencia foi magnífica: acadamos premios, xiramos moitísimo... Témolo como un moi bo recordo.
P. Mais tiraron por unha proposta diferente.
A. T. Cando o fixemos hai tres anos acababamos de entrar neste mundo. Este ano vimos que eramos capaces de facer un disco nós soas, e para adiante!
P. Enténdese que a proposta é máis Tanxugueiras?
O. M. Simplemente polo feito de que no anterior disco houbo un produtor, un pedazo de músico facendo o disco, que é Pedro Pascual, e neste estamos nós soas. E cos arranxos de percusión estivo Isaac. Non hai máis maneira de ser nós que facéndoo nós.
A. T. Este é Tanxugueiras si ou si, se che molamos nós vaiche molar, e se non... É o que hai.
P. Hai reivindicación, e a da muller é explícita.
S. M. Cremos que todo o disco é unha reivindicación da muller.
A. T. Toda a nosa carreira é unha reivindicación da muller.
S. M. Temos alma reivindicativa, e seremos reivindicativas ata que morramos. Para nós, estar enriba dun escenario é algo reivindicativo, demostrar que nós valemos e que podemos estar á altura de calquera músico.
P. Máis tradición e máis teatralización é o que anuncian.
O. M. Temos pezas moi de teatro, moi de película. O disco anterior era como música superbonita, pero levando as pezas a outros sons... Este non foi pensado así.
S. M. As letras son moi importantes.
A. T. O feito de contar unha historia.
S. M. Co canto galego, coa tradición e coa nosa forma de cantar contamos unha historia enriba dun escenario, cando antes era un concerto sen máis.
P. Quen ten Tanxugueiras como referente? Leilía...
O. M. Leilía é un grupo que todas miramos; grazas a elas as pandeireiteiras estamos onde estamos. Pero bebemos de todas as fontes: do pop, música en galego, Guadi Galego, Xabier Díaz, Aliboria, Sés...
A. T. Máis que mirar cara atrás miramos cara adiante, e cara á xente que está facendo algo a día de hoxe.
P. Neste disco hai moita copla tradicional.
A. T. Hai moitas pezas tradicionais, todas menos un par, que fixemos nós, e que algún día serán tradicionais. Só temos unha de arriba a abaixo tradicional; o resto collemos unha copla deste sitio, outra doutro e unha melodía daquel. Baseámonos na tradición, e a partir de aí facemos o que nos dá a gana, sinceramente.
P. De que lado están no debate de como se transmite a día de hoxe a tradición?
O. M. O purismo existe en todas as músicas, pero poñamos como exemplo o jazz ou o rock and roll, que foron cambiando, e a nosa música tamén ten que evolucionar. Están moi ben os traballos etnográficos, pero é difícil sentar cátedra de algo que non sabes como foi, porque ti recollíchesllo a unha señora e se vas vinte anos atrás soaría distinta. Nós queremos levar a música tradicional ao máximo expoñente, pero iso ten que variar un pouco e as pezas hai que poñelas aos tempos de hoxe. Hai que seguir creando música tradicional, porque queremos que dentro de 60 anos o que cantamos hoxe siga sendo tradicional. Nós temos coplas que escribimos para este disco e decidimos non deixalas na nosa autoría, senón que queremos que sexan coplas tradicionais, populares.
S. M. Se non deixas un legado, isto morre.